Monforte de Lemos actualiza a ficha de protección dun inmoble do casco histórico tras unha revisión técnica

O Concello de Monforte de Lemos tramitou a corrección da ficha urbanística correspondente a unha unidade parcelaria situada dentro do conxunto histórico da cidade, despois de que unha inspección técnica detectase que os datos recollidos no catálogo de protección non se axustaban á realidade do inmoble.
Segundo recolle o Boletín Oficial da Provincia de Lugo, a revisión realizada polos servizos técnicos municipais puxo de manifesto diferenzas entre o rexistrado no Plan Especial de Protección do Casco Histórico de Monforte (PEPCHA) e as dimensións reais do edificio. En concreto, a superficie da parcela pasa dos 64 metros cadrados inicialmente catalogados a 159; a superficie ocupada en planta eleva de 36 a 137 metros cadrados; e a superficie construída queda fixada tamén en 137 metros cadrados, fronte aos 70 que figuraban ata agora. Así mesmo, corrixiuse o número de fachadas que dan a espazo público, que pasa de cero a unha, cunha lonxitude de 7,45 metros.
O informe técnico precisa que o resto dos parámetros do inmoble —uso, número de plantas ou réxime de propiedade— non sofren variación, xa que se trata dun edificio de carácter non residencial cun único local en planta baixa.
En canto aos elementos catalogados, a ficha mantén a protección dos muros, columnas ou soportes e vigas ou cimbros como elementos estruturais, así como as portas das fachadas dianteira e traseira. O edificio non conta con elementos catalogados na cuberta, no seu interior nin na parcela.
O Consistorio sinala que esta actualización non implica unha modificación do plan especial en sentido estrito, xa que a normativa do propio PEPCHA contempla o catálogo de protección como un documento aberto, susceptible de incorporar correccións sempre que estas non supoñan un cambio no nivel de catalogación do inmoble. Neste caso, o grao de protección mantense no nivel 4, referido a características tipolóxicas e compositivas de significación arquitectónica.
O informe confirma ademais que o edificio segue situado dentro do ámbito declarado Ben de Interese Cultural (BIC) como Conxunto Histórico, e que a parcela se atopa en zona arqueolóxica A, segundo a zonificación arqueolóxica recollida no propio plan especial. Desde o punto de vista da ordenación, o inmoble sitúase na zona coñecida como Recinto Intramuros.
Os técnicos municipais que realizaron a visita de comprobación non atoparon durante a inspección ningún elemento adicional, distinto dos xa recollidos na ficha, que debese incorporarse ao catálogo pola súa relevancia para os trazos tipolóxicos do edificio.
O expediente, tramitado baixo a referencia 2061/2025, foi aprobado polo Pleno da Corporación municipal na súa sesión ordinaria do pasado 29 de decembro. O anuncio da modificación, asinado pola primeira tenente de alcalde, Gloria María Prada Rodríguez, publicouse recentemente no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.