Monforte adxudica por 127.606 euros a renovación do firme das rúas 1 e 2 do Polígono do Reboredo

O Concello de Monforte de Lemos adxudicou á empresa Aglomerados y Construcciones Valdeorras S.A. (ACOVAL S.A.) as obras de mellora das infraestruturas viarias do Polígono Industrial do Reboredo, que afectan a un tramo da rúa 1 e á totalidade da rúa 2. A intervención desenvolverase sobre unha superficie de 7.492 metros cadrados, cun orzamento de 127.606,42 euros e un prazo de execución dun mes desde a sinatura da acta de replanteo.
Os traballos están destinados a renovar o firme destas vías, que presentan actualmente un deficiente estado de conservación, con fochancas, roturas do pavimento e desniveis. Para iso, procederase inicialmente ao fresado do pavimento existente ata unha profundidade de catro centímetros e á limpeza mecánica da superficie.
A continuación, aplicarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de catro centímetros de espesor, que será estendida e compactada mantendo a cota actual das dúas rúas. A intervención tamén contempla o realce das tapas de pozos, arquetas e sumidoiros e doutros elementos situados na calzada, así como o pintado das correspondentes marcas viarias.
Esta actuación súmase á recente adxudicación realizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil á empresa Petrolam para instalar unha rede separativa de augas pluviais e residuais na rúa 4 do polígono. Esta intervención permitirá completar a mellora da rede de saneamento de toda a área empresarial de cara á posta en funcionamento da nova estación depuradora de augas residuais, cuxas obras se atopan nun avanzado estado de execución.
O alcalde, José Tomé, vinculou estas actuacións ao proxecto de transformación do espazo empresarial, e destacou que “esta actuación, xunto coa ampliación e ordenación do Polígono que temos proxectada, a construción da nova depuradora e a mellora integral da rede de saneamento, supón un paso máis no compromiso deste Equipo de Goberno co crecemento industrial de Monforte”.
Neste ámbito, o alcalde lembrou que o pasado mes de xuño o Pleno da corporación aprobou dúas iniciativas relacionadas co desenvolvemento do polígono. Por unha banda, o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento do Polígono Industrial do Reboredo, que pretende actualizar a ordenación deste espazo e permitir a súa ampliación nunha superficie total de 52,91 hectáreas. Por outra, aprobouse o proxecto construtivo para a separación e tratamento das augas pluviais, unha actuación que permitirá adaptar a rede de saneamento do parque empresarial ás actuais esixencias normativas, dentro do convenio entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para construír a nova EDAR do polígono.
“Con estas actuacións queremos poñer todo da nosa man para favorecer a implantación e o crecemento das empresas no noso municipio, e con isto facilitar o crecemento de Monforte en oportunidades económicas e, polo tanto, en poboación”, afirmou José Tomé, que lembrou que o pasado 10 de xullo inaugurouse o novo estacionamento do Polígono do Reboredo, cunha capacidade para 17 camións, 64 turismos, dúas prazas adaptadas e catro prazas con cargadores eléctricos. A instalación supuxo un investimento de 305.250,57 euros, financiado integramente con fondos municipais.
“Cada actuación que facemos no Polígono do Reboredo responde ao compromiso deste Equipo de Goberno de seguir mellorando as infraestruturas dun dos principais motores económicos de Monforte e da comarca”, destacou o rexedor, que salientou que cada investimento neste espazo “contribúe a facelo máis atractivo para a implantación de novas empresas, a consolidar as que xa desenvolven aquí a súa actividade e, en definitiva, a favorecer a creación de riqueza e de emprego”.
O alcalde sinalou que durante a última década o Polígono Industrial do Reboredo experimentou diversas melloras en infraestruturas e servizos, entre elas a renovación do viario, a mellora da iluminación pública, a ampliación das redes de saneamento, a creación de novas rúas e zonas de estacionamento e a actuación sobre os espazos públicos. Segundo o Concello, estas intervencións contribuíron ao incremento da actividade empresarial e á venda da práctica totalidade das parcelas dispoñibles. Esta situación levou ao Equipo de Goberno a impulsar unha ampliación do polígono para responder á demanda existente e facilitar tamén o crecemento das empresas xa instaladas.
Coas actuacións en marcha, José Tomé explicou que “traballamos para ter un polígono moderno e adaptado ás necesidades actuais das empresas”. O obxectivo, segundo engadiu, “é ofrecer novas oportunidades de implantación e crecemento ás empresas para facilitar que o crecemento industrial de cabeceiras de comarca como é o caso de Monforte fagan posible á súa vez seguir crecendo en poboación e axudar a reter poboación tamén noutros Concellos”.