Medio Rural e o Concello de Bóveda estudan vías de colaboración para impulsar o sector agroalimentario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Concello de Bóveda estudan novas vías de colaboración para reforzar o sector agroalimentario e aproveitar o seu potencial como fonte de actividade económica e emprego no medio rural.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo este venres unha reunión co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, na que tamén se analizou a continuidade da colaboración entre ambas as institucións.
Un dos asuntos tratados foi a valorización das producións agroalimentarias, especialmente a través da calidade diferenciada. Segundo se destacou no encontro, este tipo de distintivos poden contribuír a incrementar o valor dos produtos, reforzar a súa relación coa súa zona de orixe e conseguir que unha maior parte da riqueza xerada quede no territorio.
As posibles actuacións poderían abranguer diferentes fases da cadea agroalimentaria, desde a formación e mellora das capacidades dos profesionais ata a transformación dos produtos e as accións destinadas á súa promoción e comercialización.
No apartado de promoción, Alemparte e Arias avaliaron tamén a posibilidade de dar continuidade á colaboración na Feira Outrora, unha cita que se celebra cada mes de xullo en Bóveda e que ten entre os seus obxectivos poñer en valor a gastronomía, as tradicións e os produtos agroalimentarios galegos.
Na edición celebrada este ano, a feira incluíu actividades de promoción e degustación de alimentos amparados por selos de calidade diferenciada, permitindo ao público coñecer produtos que contan con garantías relacionadas coa súa orixe, autenticidade e calidade.
Desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria defenden unha visión global do sector na que a formación, a transformación, a diferenciación dos produtos e a promoción se complementen para xerar novas oportunidades no territorio rural.
A cooperación cos concellos permite, ademais, adaptar estas iniciativas ás características e necesidades de cada zona, co obxectivo de fortalecer o tecido produtivo, favorecer o emprendemento e contribuír á creación e consolidación de actividade económica e emprego.