Invístense máis de 145.000 euros na mellora no viario que conecta o núcleo rural de Soutelo, en Manzaneda

A Xunta de Galicia vén de impulsar unha actuación de mellora no viario que conecta o núcleo rural de Soutelo, situado na parroquia de San Martiño, no concello ourensán de Manzaneda, cun investimento que supera os 145.000 euros e que busca reforzar a funcionalidade e seguridade desta vía de uso habitual.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este mércores as obras acompañado polo alcalde, Pedro Yáñez, para comprobar o avance dos traballos, executados no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello.
A intervención céntrase no coñecido camiño de subida a Soutelo, un trazado duns 560 metros de lonxitude total, aínda que as actuacións se están a desenvolver nun treito inicial de 462,80 metros que parte da estrada provincial OU-0701. Trátase dun viario moi empregado pola veciñanza de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, ademais de ser un acceso habitual para visitantes que se achegan a esta zona de interese paisaxístico e patrimonial.
Segundo explicou o representante autonómico, os traballos teñen como finalidade principal mellorar o sistema de drenaxe, renovar a capa de rodaxe e reforzar a sinalización horizontal. Ademais, inclúese o soterramento das liñas aéreas de electricidade e iluminación pública, así como a revisión das redes de augas pluviais e a creación de pequenas zonas verdes ao longo do percorrido.
Esta actuación enmárcase dentro do coñecido como Plan Hurbe, un programa co que o Goberno galego colabora coas entidades locais para mellorar espazos públicos e infraestruturas básicas, con especial atención á accesibilidade e á supresión de barreiras arquitectónicas.
No contexto desta iniciativa, Manuel Pardo salientou o papel destas intervencións como ferramenta para apoiar o desenvolvemento dos núcleos rurais, converténdoos en espazos máis dinámicos e con maior capacidade para acoller servizos e actividade económica, contribuíndo así ao equilibrio territorial e á cohesión entre o ámbito urbano e o rural.