Folgoso do Courel avanza no proxecto da futura residencia de maiores

O Concello de Folgoso do Courel vén de comunicar formalmente á Consellería de Política Social e Igualdade a súa vontade de acoller no municipio unha residencia para persoas maiores, no marco do novo proxecto de centros residenciais impulsado pola Xunta de Galicia.
Para facer posible esta iniciativa, o Concello recuperou unha parcela que fora cedida á Deputación de Lugo tras rematar o prazo do convenio asinado en 2018, sen que chegase a construírse a residencia prevista nese momento.
No escrito remitido á Administración autonómica, o Concello manifesta a súa disposición a facilitar unha parcela axeitada e comprométese a garantir a súa posta á disposición da Xunta dentro do prazo establecido.
A idoneidade dos terreos e os seguintes pasos necesarios para a implantación do centro deberán concretarse en colaboración coa Administración autonómica.
A alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro Ochoa, sinala que o Concello continuará traballando para que o municipio poida contar cun recurso residencial próximo para as persoas maiores.
Desde o Concello apuntan á importancia da proximidade dos servizos para a poboación maior nun municipio cunha poboación dispersa.
Coa comunicación formal á Xunta e a dispoñibilidade dos terreos, o Concello dá un novo paso para avanzar na posible implantación desta infraestrutura no municipio.