Continúan as melloras da rede viaria municipal en Taboada

O Concello de Taboada continúa cos traballos de mellora da súa rede viaria municipal con novas actuacións realizadas en diferentes puntos do termo municipal.
Despois das obras executadas no acceso a Penas Agudas, os equipos do parque móbil da Deputación de Lugo desprazáronse á parroquia de Arxiz. Nesta zona acondicionouse o acceso ao lugar de Bosende desde o cruzamento que conduce a Lustiás e actuouse tamén sobre outro tramo que presentaba un importante deterioro e que é utilizado principalmente pola veciñanza de Arxiz e Sampaio.
Os traballos incluíron ademais a mellora da vía que conecta a estrada LU-212, entre Taboada e Monterroso, coa N-540. Trátase dun itinerario empregado habitualmente pola veciñanza das parroquias de Arxiz e Torre.
A actuación completouse con traballos de mellora do firme na pista que comunica os lugares de Lustiás e A Baiuca, xa na parroquia de San Martiño de Couto.
O Concello sinala que está prevista unha nova remesa de actuacións para continuar co acondicionamento da rede viaria municipal nos próximos días.