Chantada moderniza a iluminación das súas pistas de tenis incorporando tecnoloxía LED

RibeiraSacraXa
A actuación busca mellorar a eficiencia enerxética e a visibilidade nas instalacións municipais do Parque Eloísa Rivadulla
pista-tenis-chantada
19 May 2026

O Concello de Chantada completou a renovación do sistema de iluminación das pistas de tenis municipais, situadas no Parque Eloísa Rivadulla, co obxectivo de optimizar o consumo enerxético e mellorar as condicións de uso deportivo.

A intervención consistiu na retirada das antigas luminarias de haloxenuros e na súa substitución por 16 proxectores LED de alta eficiencia, o que permite reducir o gasto eléctrico e diminuír as necesidades de mantemento, ademais de ofrecer unha iluminación máis uniforme na pista.

O proxecto foi financiado con fondos municipais e contou cun investimento próximo aos 8.000 euros. Desde o consistorio destacan que a mellora repercute directamente na práctica do tenis, ao facilitar unha mellor visibilidade tanto en adestramentos como en competicións.

As instalacións son empregadas a diario polas Escolas Deportivas Municipais e polo Club de Tenis de Chantada, que desenvolve nelas tanto adestramentos como encontros oficiais do Campionato Galego por equipos. Tamén os usuarios de uso libre se benefician destas melloras.

O Concello enmarca esta actuación dentro da súa estratexia de mellora das instalacións deportivas e de sustentabilidade enerxética. Desde a área de Deportes avanzan ademais futuras intervencións no complexo, que incluirán a renovación dunha das pistas, o repintado das restantes e a incorporación de sistemas de peche automático e reservas en liña, seguindo o modelo xa implantado noutras instalacións municipais.

0.11677813529968