Catro días para gozar dos libros, os autores e as actividades para toda a familia na Feira do Libro de Monforte

A literatura será a gran protagonista dos próximos días coa celebración da XXVII Feira do Libro, que se desenvolverá do 26 ao 29 de agosto na zona peonil da rúa Cardeal. A cita reunirá durante catro xornadas sete librarías e editoriais e ofrecerá un amplo programa de actividades para públicos de todas as idades.
As casetas permanecerán abertas de 11.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas. Os visitantes poderán coñecer as novidades editoriais, adquirir libros cun 10% de desconto e participar en presentacións, sesións de sinaturas, espectáculos infantís, teatro, contacontos e encontros literarios.
A programación arrancará o mércores 26 ás 19.00 horas co acto inaugural e o pregón da escritora bovedense Yolanda Álvarez. A continuación, Pura Tejelo presentará 'Vestidos de organdí'. A xornada tamén contará coas sinaturas de Alba López Paredes, Hilda Honorata Suárez e Francisco Narla.
O xoves 27 haberá propostas para toda a familia, como o espectáculo 'A bibliotecaria estrafalaria', de Cris de Caldas, que combinará contos, humor, música e maxia. Tamén se presentará o libro 'Conciencia dunha tradición. A olería de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós' e o poemario 'Lágrimas verdes', de Francisco García-López.
O venres 28 será a quenda de actividades como a presentación de 'Devagar pola Ribeira Sacra', de Gloria Guerrero García, o espectáculo infantil 'C@nto contigo', de Paco Nogueiras, e a presentación de 'Toca. El yugo de Roma', de Sonia María García García. A xornada rematará cunha conversa entre Abril Camino e Óscar Guzmán arredor da literatura e os premios.
A última xornada, o sábado 29, incluirá o contacontos 'Pedro e o vagalume', con Yolanda Álvarez, o espectáculo familiar 'Alicia', de Pedras de Cartón, e unha conversa sobre novela negra entre Arantza Portabales e Rober Cagiao. A programación completarase coa presentación de 'Toda a eternidade nun ollar palabras. Tareixa e Marica Campo, Casa e Terra' e unha sesión de poesía con micrófono aberto.
As sesións de sinaturas permitirán ademais atoparse con autores como Alba López Paredes, Francisco Narla, Yolanda Álvarez, Arantza Portabales, Abril Camino, Óscar Guzmán e Xulio Pardo de Neyra, entre outros escritores vinculados á Ribeira Sacra e ao conxunto de Galicia.
A feira será ademais a última parada do calendario de Feiras do Libro de 2026 da Federación de Librarías de Galicia, despois de pasar por outros doce municipios galegos.