Avanzan as obras de renovación do firme na estrada que une Taboada con Mundín

A Deputación de Lugo continúa coa rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-6001, que conecta Taboada con Mundín a través de Ada. A actuación céntrase nos primeiros 6,16 quilómetros deste trazado, en concreto no tramo situado entre a N-540 e a LU-213, cun orzamento que ascende a 296.526,23 euros.
Ao longo desta semana, os traballos concentráronse no fresado do firme existente e na colocación dunha nova capa de aglomerado en quente, cun espesor medio de cinco centímetros. O proxecto contempla tamén a reapertura das cunetas para devolverlles a súa sección orixinal e favorecer deste xeito a evacuación da auga, xunto coa limpeza dos elementos de drenaxe transversal da vía.
Entre as actuacións previstas figura igualmente a construción dun paso elevado para peóns, así como a execución dun muro destinado a estabilizar un noiro no que se detectaran gretas sobre o firme. Ademais, procederase a renovar a sinalización, tanto horizontal como vertical, de todo o tramo.
A LU-P-6001 ten unha lonxitude total próxima aos 14 quilómetros, polo que o tramo actualmente en obras —os primeiros 6,16 quilómetros— representa arredor do 44 % do seu percorrido principal. Esta actuación dá continuidade a outra executada recentemente pola Deputación de Lugo nos tres quilómetros seguintes, que se estende case ata o quilómetro 10 da estrada.
Trátase dunha vía clave para a vertebración do Concello de Taboada, xa que permite conectar o núcleo urbano con dúas parroquias de peso como Ada e Mundín, ademais de enlazar coa rede viaria que comunica o municipio coas zonas da súa contorna.