Agroma Sober cuestiona os criterios de protección da paisaxe ante un novo proxecto turístico en Doade

Agroma Sober–Interior Galego Vivo cuestiona os criterios aplicados pola Xunta para autorizar un proxecto de 20 cabanas turísticas nos viñedos da adega Regina Viarum, en Doade, e reclama coñecer se as mesmas esixencias administrativas se aplican ás diferentes actuacións que se desenvolven na Ribeira Sacra.
Segundo sinala a formación, o Informe de Impacto Ambiental contempla a instalación de 20 cabanas estables e independentes nunha superficie de 18.169,16 metros cadrados. De acordo coa documentación citada por Agroma Sober–IGV, as construcións disporán de xardín e piscina propia, ademais de salón, aseo e dormitorio, e estarán compostas por fachadas de madeira e/ou formigón visto, grandes superficies exteriores de vidro e cubertas verdes axardinadas.
A formación considera que este tipo de iniciativas están amparadas pola normativa autonómica para determinadas instalacións turísticas en solo rústico, mentres que, segundo denuncia, as actuacións vinculadas ás construcións destinadas á actividade vitícola na ribeira están sometidas a unha regulación máis estrita.
Agroma Sober–IGV afirma que non cuestiona a presenza de actividade económica e turística na Ribeira Sacra, pero reclama “igualdade de trato, transparencia e respecto efectivo polo territorio”. A formación asegura que existen persoas que atopan dificultades nos trámites administrativos ante a Xunta ou a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) mesmo para realizar pequenas actuacións nas súas propiedades.
“Mentres unha persoa da Ribeira Sacra se atopa con continuas dificultades e esixencias de Patrimonio ou da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para rehabilitar, ampliar ou adaptar unha pequena construción, vemos como grandes proxectos turísticos poden avanzar no mesmo territorio coa venia do Partido Popular”, afirma Paula Verao, voceira de Agroma.
A formación compara tamén a regulación das instalacións turísticas coa normativa aplicable á construción ou ampliación de pequenas edificacións na ribeira de Sober. Segundo sinala, estas últimas deben adaptarse ao terreo e respectar a tipoloxía tradicional, mentres que o PXOM de Sober, redactado hai dúas décadas, non incorporou as novas tipoloxías turísticas previstas na normativa autonómica.
Outro dos aspectos que Agroma Sober–IGV pon sobre a mesa é a información ambiental dispoñible. A formación sinala que o informe da Xunta indica que o proxecto se sitúa nun ámbito catalogado no Atlas de hábitats naturais e seminaturais de España, pero cuestiona que a amplitude desa catalogación non permita determinar con precisión se existen afeccións sobre especies protexidas ou en perigo de extinción.
Neste sentido, reclama que se actualice a información relativa á flora e á fauna protexidas nas zonas sensibles das ribeiras e que se fagan públicos os informes emitidos polos diferentes organismos en relación co proxecto.
O proxecto deberá continuar agora coa tramitación dos permisos municipais correspondentes e incorporar as medidas ambientais establecidas no informe da Xunta. Agroma Sober–IGV considera que o caso abre tamén un debate sobre o modelo territorial e turístico da Ribeira Sacra e sobre a compatibilidade das novas instalacións coa conservación da paisaxe tradicional.
A formación lembra neste contexto que ICOMOS recomendou en dúas ocasións non inscribir a candidatura da Ribeira Sacra na lista de Patrimonio Mundial, entre outros motivos polas afeccións relacionadas co modelo de paisaxe tradicional. Agroma Sober–IGV subliña que non pretende falar en nome deste organismo nin anticipar cal sería a súa valoración sobre o proxecto, pero pide ás administracións que expliquen como se compatibilizan estas actuacións coa protección dos valores polos que se pretende obter ese recoñecemento internacional.
A formación tamén critica que o Concello de Sober non dese publicidade ao proxecto nin presentase consideracións ao respecto, segundo asegura, e reclama unha explicación pública sobre as diferenzas que, ao seu xuízo, existen entre as dificultades administrativas ás que se enfrontan pequenos propietarios e a tramitación de grandes proxectos turísticos.
“Non cuestionamos que quen inviste teña dereito a desenvolver unha actividade conforme á lei. Cuestionamos que a cidadanía poida chegar a percibir que existen ‘dous niveis de exixencia administrativa: un para a veciñanza e outro para quen ten recursos e capacidade de interlocución’”, sinala Agroma Sober–IGV.
A formación reclama finalmente que as administracións fagan accesible a documentación e os informes relacionados co proxecto e que a protección da paisaxe se aplique, segundo defende, con iguais criterios independentemente das dimensións ou da capacidade económica de quen promove cada actuación.