A FEARS cuestiona a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial tras o informe negativo do ICOMOS

RibeiraSacraXa
A federación considera que o proceso se desenvolveu sen participación social e ve na negativa unha oportunidade para redefinir o futuro do territorio
recurso-Ribeira-Sacra
21 Jun 2026

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) reuniu a súa Xunta Directiva para analizar o informe técnico desfavorable á inscrición da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial. A entidade volveu expresar a súa posición crítica respecto ao proceso e asegurou que a valoración emitida polo organismo internacional confirma os argumentos que xa viña defendendo desde o inicio da candidatura.

Segundo sinala a federación, a recomendación do ICOMOS de non incorporar a Paisaxe da Auga da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial coincide coa análise que a organización realizara nas primeiras reunións celebradas, nas que, segundo sosteñen, xa se advertira que a proposta fora impulsada sen contar coa participación dos habitantes do territorio e condicionada por intereses alleos ás necesidades reais da zona.

A FEARS considera que o ICOMOS desenvolveu o seu labor de maneira obxectiva e independente, emitindo unha avaliación baseada en criterios técnicos. A xuízo da entidade, este informe pon de manifesto que a Xunta priorizou a proxección exterior e a promoción institucional por diante do rigor científico necesario para unha candidatura destas características.

A organización tamén atribúe responsabilidades a todas as administracións implicadas no proceso. Así, responsabiliza á Xunta pola dirección dunha candidatura que, segundo sostén, non incorporou a participación social nin integrou as achegas de voces críticas e especialistas. Do mesmo xeito, considera que tanto os concellos implicados como o Goberno de España mantiveron unha postura de apoio sen cuestionamentos, mesmo despois de coñecerse o informe negativo.

A federación destacou ademais a súa satisfacción polo feito de que a UNESCO tivese en consideración o documento remitido pola propia FEARS durante o proceso de avaliación, no que trasladaba as súas alegacións e preocupacións. Entre elas figuraban cuestións como a ausencia de espazos de escoita ás posicións críticas, así como problemas relacionados co despoboamento, a perda da actividade agrícola tradicional, as dificultades ambientais e as carencias existentes en servizos públicos.

Segundo apunta a entidade, o propio ICOMOS recomenda ás administracións responsables incorporar e ter en conta as voces críticas. A FEARS lembra que representa a máis de medio cento de asociacións da comarca e subliña que foi a única entidade que trasladou oficialmente á UNESCO a súa postura durante o período de participación aberto.

A decisión definitiva sobre a candidatura será adoptada polo Comité do Patrimonio Mundial a finais do mes de xullo. Porén, desde a dirección da federación consideran que a declaración podería xerar máis inconvenientes que beneficios para o territorio.

A organización entende que obter unha distinción internacional deste tipo sen que a comarca estea preparada podería agravar diversos problemas estruturais xa existentes, entre eles as limitacións das infraestruturas viarias, a insuficiente planificación dos fluxos turísticos, a escaseza de vivenda ou as dificultades medioambientais. Ademais, advirte de que unha eventual inscrición obtida cun informe técnico desfavorable podería derivar nunha futura perda do recoñecemento ante unha avaliación negativa posterior.

Por este motivo, a FEARS considera que o actual escenario pode converterse nunha oportunidade para abrir unha reflexión sobre o modelo de futuro da Ribeira Sacra, cuestionando se o territorio debe orientarse cara a unha marca turística ou cara a unha comunidade viva con sectores produtivos dinámicos e sostibles.

Neste contexto, a entidade anunciou que continuará impulsando espazos de debate arredor dos retos e potencialidades da Ribeira Sacra. Entre as iniciativas previstas figuran a publicación dun traballo con colaboracións de especialistas e a convocatoria da sétima Asemblea da FEARS, prevista para o próximo mes de outubro.

0.16331696510315