A veciñanza da Pobra do Brollón volverá saír á rúa para reclamar médicos e máis persoal no Centro de Día

RibeiraSacraXa
A concentración celebrarase o día 11 diante do Centro de Saúde e dará continuidade ás mobilizacións iniciadas en agosto pola situación da atención sanitaria no municipio
mobilizacion-sanidade-a-pobra-do-brollon
7 Oct 2026

A veciñanza da Pobra do Brollón volverá mobilizarse para reclamar unha mellora dos servizos públicos da localidade, con especial atención á situación da asistencia sanitaria e á falta de persoal no Centro de Día. A concentración terá lugar o día 11 de cada mes, ás 12.00 horas, diante do Centro de Saúde, baixo o lema ‘A saúde non pode esperar! A Pobra do Brollón necesita médicos!’.

A convocatoria dá continuidade ás mobilizacións realizadas anteriormente, entre elas a celebrada no mes de agosto, e busca trasladar ás administracións competentes a preocupación existente entre a veciñanza pola situación da atención sanitaria no municipio.

As persoas participantes reclamarán que a localidade conte cunha asistencia médica estable, suficiente e de calidade, así como que se adopten as medidas necesarias para garantir unha atención adecuada á poboación.

Durante a concentración tamén está prevista unha recollida de sinaturas entre os veciños e veciñas. O obxectivo é reunir apoios á reivindicación e trasladar ás administracións a demanda de solucións ante a situación actual.

A mobilización abordará tamén a situación do Centro de Día, onde a veciñanza denuncia a falta de persoal e reclama unha dotación suficiente de profesionais que permita ofrecer ás persoas maiores unha atención adecuada, personalizada e digna.

cartel-concentracion-sanidade-brollon
0.15014290809631