O goberno da Pobra do Brollón denuncia a falta de médicos e reclama solucións urxentes para o centro de saúde

O goberno municipal da Pobra do Brollón denunciou a “grave situación” que atravesa o Centro de Saúde da localidade debido á falta de profesionais médicos e reclamou á administración sanitaria medidas urxentes para garantir unha atención adecuada á veciñanza.
Segundo explican desde o Concello, o centro conta desde hai meses cunha soa praza médica cuberta, despois de que o facultativo que se xubilou o pasado mes de setembro non fose substituído de maneira definitiva. A situación agravouse recentemente pola baixa da única médica que permanecía en activo, unha circunstancia que coincide ademais co incremento de poboación propio da época estival e co consecuente aumento da demanda asistencial.
O executivo local asegura que esta ausencia está a cubrirse con substitucións puntuais e sen continuidade, o que provoca que haxa xornadas nas que a veciñanza da Pobra do Brollón quede sen atención médica presencial. Segundo indican, na actualidade non existen consultas dispoñibles ata dentro de nove días e a atención prevista limítase a aproximadamente unha hora diaria.
O alcalde, Xosé Lois Maceda, advertiu de que a situación resulta especialmente preocupante tendo en conta a elevada idade media da poboación do municipio e a necesidade de seguimento continuado que precisan moitas persoas con enfermidades crónicas.
Desde o goberno municipal tamén denuncian a falta de atención pediátrica. Segundo sinalan, o servizo de pediatría atendía unicamente un día á semana e actualmente atópase sen cobertura debido á baixa do profesional correspondente.
O Concello advirte de que esta situación obriga a numerosos veciños e veciñas a desprazarse aos centros sanitarios de Quiroga e Monforte de Lemos, uns servizos que, segundo apuntan, xa se atopan saturados. Ademais, destacan as dificultades que estes desprazamentos supoñen para a poboación de maior idade.
Ante esta realidade, o goberno municipal reclama que se cubra de forma definitiva a praza do médico xubilado e que as baixas do médico de familia e do pediatra sexan substituídas con maior rapidez e continuidade. O executivo considera que estas medidas son imprescindibles para garantir unha atención sanitaria digna e de calidade á veciñanza da Pobra do Brollón.
CONTESTACIÓN DO PP
O portavoz do Partido Popular na Pobra do Brollón, Teddy López, manifestou a súa “máis rotunda repulsa” polas declaracións realizadas nos últimos días polo alcalde, Xosé Lois Maceda, en relación coa situación do servizo médico no municipio. O representante popular considera que o rexedor xerou unha alarma social “inxustificada” ao abordar publicamente esta cuestión.
López cualificou de “inaceptable e sectaria” a actitude do alcalde e sostén que, en lugar de colaborar na procura de solucións, optou por promover unha campaña de críticas que, segundo indica, supón unha presión indebida sobre os profesionais sanitarios.
O portavoz popular explica que, tras a baixa laboral da médica titular do consultorio, se procedeu á designación dun facultativo substituto para garantir a continuidade da atención á veciñanza. Segundo sinala, o profesional asignado non puido acudir ao seu posto no primeiro día debido a unha cita médica propia previamente programada.
Desde o PP lembran que se trata dun dereito que asiste a calquera traballador, incluídos os profesionais da sanidade. Ademais, indican que, unha vez resolta esta circunstancia, o médico incorporouse con normalidade ao centro de saúde e está a desenvolver o seu traballo sen incidencias.
Teddy López sostén que os feitos demostran que a asistencia sanitaria no municipio está garantida e critica o que considera un uso partidista desta situación por parte do goberno local. Segundo afirma, a realidade “desminte o discurso do BNG” e evidencia que se adoptaron as medidas necesarias para asegurar a cobertura médica da poboación.