A Pobra do Brollón cambia o seu calendario de biblioteca e actividades deportivas

O Concello da Pobra do Brollón introduciu cambios en dúas das súas programacións municipais de cara ao novo curso: o club de lectura da biblioteca modifica o seu día de reunión e o programa de actividades deportivas actualiza varios dos seus horarios.
A Biblioteca Municipal 'Antonio Reboiro' trasladou o encontro do seu club de lectura aos martes ás 19.00 horas, en substitución do horario que mantiña ata o momento. Co inicio do novo curso, o club retoma a súa actividade cunha proposta centrada nos grandes nomes da literatura universal. Durante o primeiro trimestre, as persoas participantes adentraranse na narrativa breve de Estados Unidos, un percorrido que incluirá obras de autores e autoras como Nathaniel Hawthorne, Ernest Hemingway, Zora Neale Hurston ou Shirley Jackson, entre outros nomes destacados da tradición literaria norteamericana. A proposta de lecturas correrá a cargo do moderador do club, Sergio Rodríguez. Todo o material necesario para seguir as sesións será facilitado pola propia biblioteca, polo que as persoas interesadas non terán que preocuparse por adquirir os libros pola súa conta. O club segue aberto a novas incorporacións, que se poden tramitar directamente na biblioteca ou a través do teléfono 982 430 546.
Pola súa banda, o programa municipal de actividades físicas 'Guimaralia' tamén actualizou o seu calendario tras introducir cambios nos horarios das clases de ximnasia e pilates para o curso 2026-27. A oferta segue aberta a novas inscricións.
A programación combina sesións de ioga, ximnasia, aerobic e pilates repartidas entre as mañás, na Casa da Cultura, e as tardes, en distintos puntos do municipio. Pola mañá, os martes impártese ioga ás 11.15 horas e ximnasia en Castroncelos ás 12.30 horas; os mércores, ximnasia en Fornelas ás 10.00 horas e aerobic ás 11.15 horas; e os xoves repítese a combinación de ioga ás 11.15 horas e ximnasia en Castroncelos ás 12.30 horas. Pola tarde, os martes hai ximnasia na Pobra ás 19.00 horas seguida de pilates ás 20.00 horas; os mércores, ximnasia en Cereixa ás 17.15 horas; e os venres, pilates ás 18.00 horas e ximnasia na Pobra ás 19.00 horas.
En canto ás tarifas, asistir a unha clase semanal ten un custo de 15 euros ao mes, mentres que acudir a dúas clases semanais sobe ata os 20 euros mensuais. O curso comezou o 1 de outubro, aínda que todavía é posible apuntarse. As inscricións trámitanse nas dependencias de Servizos Sociais, en horario de 9.30 a 14.00 horas, ou a través dos teléfonos 982 430 447 e 609 004 451. Dende a organización tamén se lembra que aquelas parroquias interesadas en formar un grupo propio poden poñerse en contacto con Servizos Sociais, sempre que reúnan un mínimo de dez persoas.