A Escola de Música Samoeiro afronta a recta final da matrícula cunha xornada de portas abertas

A Escola municipal de Música Samoeiro, na Pobra do Brollón, entra na conta atrás para arrincar o curso 2026-2027. Quen aínda non formalizase a praza ten ata o martes 29 de setembro para facelo, xa sexa por vía telemática, a través da sede electrónica do Concello, ou de forma presencial na Biblioteca municipal, en horario de 10.30 a 13.00 horas. Para resolver calquera dúbida está habilitado o teléfono 982 430 546.
A gran novidade deste ano chegará xa a vindeira semana. O xoves 1 de outubro, e de novo o xoves 8, de 18.00 a 19.00 horas, a escola abrirá as súas portas para dar a coñecer a clase de iniciación á música tradicional, centrada na gaita e a percusión. Os nenos e nenas de entre 8 e 16 anos poderán probar esta disciplina da man do profesor Álvaro Candal, sen ningún compromiso previo de matrícula.
O curso comezará con carácter xeral o 1 de outubro, salvo canto e pandeireta e baile tradicional, con Iago Domínguez, que arrincarán o 19 de outubro. A oferta complétase con música e movemento, para nenos e nenas de entre 4 e 11 anos, e acordeón, con Hadrián Rei; percusión tradicional e gaita, con Álvaro Candal; e canto coral, con Alfonso Campos.
En canto aos prezos, a matrícula dunha soa materia custa 110 euros polo curso completo, e cada materia adicional suma 60 euros. O pagamento pode facerse de forma anual ou fraccionado por trimestres. Desde a organización lembran que as materias que non acaden un número mínimo de alumnado poderán quedar suspendidas.