A Escola de Música Samoeiro, na Pobra do Brollón, abre a matrícula para o curso 2026-2027 con xornadas de portas abertas

RibeiraSacraXa
O prazo para inscribirse estará aberto ata o 29 de setembro, e incluirá por primeira vez dúas sesións gratuítas para coñecer a clase de iniciación á música tradicional
escola-musica-instrumentos
18 Sep 2026

A Escola municipal de Música Samoeiro porá en marcha o vindeiro mes de outubro unha nova edición do seu programa formativo, correspondente ao curso 2026-2027. O período de inscrición xa está aberto e mantranse activo ata o 29 de setembro, podéndose realizar tanto de forma telemática, a través da sede electrónica do Concello da Pobra do Brollón, como presencialmente na Biblioteca municipal, en horario de 10.30 a 13.00 horas. Para calquera consulta, habilitouse o teléfono 982 430 546.

Como novidade para este curso, a escola organizará dúas xornadas de portas abertas dirixidas a dar a coñecer a clase de iniciación á música tradicional, centrada en gaita e percusión. Estas sesións, que terán lugar os xoves 1 e 8 de outubro en horario de 18.00 a 19.00 horas, permitirán a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos probar esta disciplina sen ningún tipo de compromiso previo á matrícula, da man do profesor Álvaro Candal.

En canto á oferta formativa completa, o claustro estará composto por catro docentes. Iago Domínguez impartirá canto e pandeireta, así como baile tradicional, ambas as dúas materias os luns, a primeira de 20.00 a 21.00 horas e a segunda de 21.00 a 22.00 horas, con inicio previsto para o 19 de outubro. Hadrián Rei encargarase de música e movemento, pensada para nenos de entre 4 e 11 anos, os mércores de 15.45 a 16.45 horas, ademais da clase de acordeón, ese mesmo día de 17.00 a 18.00 horas.

Pola súa banda, Álvaro Candal completará a súa docencia coas clases de percusión tradicional e gaita, programadas os xoves de 19.00 a 20.00 horas e de 20.00 a 21.00 horas respectivamente, a continuación da sesión de iniciación. Finalmente, Alfonso Campos impartirá canto coral os mércores e sábados, en horario de 18.00 a 20.00 horas.

O curso, salvo as materias de canto e pandeireta e baile tradicional que comezarán o 19 de outubro, dará comezo de xeito xeral o 1 de outubro. Respecto aos prezos, a matrícula dunha soa materia ten un custo de 110 euros polo curso completo, mentres que cada materia adicional supón 60 euros máis. O pagamento poderá aboarse de forma anual ou fraccionarse trimestralmente. Dende a organización advírtese de que aquelas materias que non acaden un número mínimo de alumnado poderán quedar suspendidas.

0.14840483665466