A Deputación de Ourense destina máis de 1,3 millóns de euros a cooperación con concellos e entidades e convoca o II Plan de Lectura

A Deputación de Ourense aprobou este luns a concesión de máis de 1,3 millóns de euros (1.301.646,15) repartidos nunha trintena de axudas dirixidas á cooperación cos concellos e á colaboración con diversas entidades da provincia. Xunto a estas subvencións, tamén se deu luz verde ás bases do segundo Plan provincial de Lectura, correspondente á convocatoria de 2026.
Este plan conta cunha partida de 350.000 euros destinada a financiar a compra de libros por parte de persoas menores de idade, en concreto nadas a partir de 2008, que estean empadroadas en concellos da provincia. A iniciativa busca fomentar o hábito lector e facilitar o acceso á cultura entre a poboación xove ourensá.
De acordo coas bases aprobadas, a adquisición de libros poderá realizarse entre o 15 de outubro e o 18 de decembro, quedando fóra desta axuda os libros de texto e o material escolar. Cada persoa beneficiaria poderá mercar un único exemplar, cun prezo máximo de 20 euros, IVE incluído, e sempre en establecementos adheridos ao programa. Os comercios interesados en participar poderán solicitar a súa incorporación entre o 25 de setembro e o 10 de outubro.
Axudas aos concellos
En materia de cooperación local, aprobáronse 21 subvencións dirixidas a 17 entidades municipais da provincia, por un importe conxunto de 833.550,55 euros. Os fondos destínanse principalmente a infraestruturas básicas como abastecemento e saneamento, comunicacións, novos espazos deportivos e actuacións vinculadas ás emerxencias e á seguridade.
Entre as axudas concretas figura unha subvención de 10.000 euros para o arranxo do camiño entre Salgueiro e Marzáns, en Xunqueira de Ambía. O Pereiro de Aguiar e O Barco de Valdeorras recibirán 40.000 euros cada un para gastos de funcionamento dos seus respectivos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), mentres que Beariz contará con 30.000 euros para reformar as oficinas da casa cuartel da Garda Civil.
No eido medioambiental, Allariz recibirá preto de 7.000 euros (6.739) para mellorar a eficiencia hídrica en xardíns, e Avión disporá de 22.000 euros para acondicionar o xardín do Centro Alventus.
O Concello de Carballeda de Avia obtén tres axudas: 30.000 euros para reparar a captación de tubaxes de abastecemento de auga en Abelenda, 12.000 euros para reparar e ampliar placas fotovoltaicas na estación depuradora de augas residuais, e preto de 18.000 euros (17.908) para redactar o proxecto de reconstrución da ponte sobre o regato de Gateira.
Boborás recibe dúas subvencións: 12.000 euros para cofinanciar o Plan Marco e 10.000 euros para o proxecto Senlleiro. Tamén se aproban dúas axudas para Vilamarín: 47.993,44 euros para melloras dotacionais na estrada OU-189 e 200.000 euros para a construción do polideportivo, correspondentes á anualidade de 2026.
Completan a listaxe de axudas 24.100 euros para levantar un galpón en Santa Catalina, en Cartelle; 17.000 euros para mobiliario urbano e de parques e xardíns en Celanova; 48.000 euros para o arranxo da estrada a Valilongo, en Cortegada; 12.669,99 euros para o asfaltado en Senderiz, en Lobeira; e 48.399 euros para o Concello de Melón, destinados a mellorar a N-120 ao seu paso polo municipio.
Así mesmo, Xunqueira de Espadanedo disporá de 40.000 euros para unha pista multideporte, Arnoia mellorará o saneamento na localidade de Remuíño cunha axuda de 14.741,12 euros, e Sandiás construirá unha nave destinada a almacén cunha subvención de 150.000 euros.
Colaboración con entidades
En canto á colaboración con entidades, aprobáronse sete subvencións por un total de 118.095,6 euros, destinadas a actividades medioambientais, sociais, culturais e deportivas.
A Federación Galega de Piragüismo recibirá 35.000 euros para a organización de campionatos nacionais, autonómicos e provinciais da temporada 2025-2026. A Asociación de Veciños Montes de Puxedo, Guende e A Cela, no concello de Lobios, contará con 12.000 euros para iniciativas de mobilidade sostible na Reserva de Biosfera Gerês-Xurés e nos núcleos históricos. Pola súa banda, na Baixa Limia, a Fundación Aquae Querquennae Via Nova disporá de preto de 20.000 euros (19.999,30) para reparacións no seu centro de interpretación.
Tamén se aprobaron dúas axudas para colectivos veciñais: 13.000 euros para a asociación da parroquia de Santa María de Macendo, en Castrelo de Miño, e 7.096,30 euros para a asociación de San José de Vista Hermosa, en Ourense, ambas destinadas á mellora dos seus locais sociais.
No terreo cultural, as Xociviga (Xornadas de cine e vídeo de Galicia) recibirán 2.000 euros de axuda para o seu Festival de curtametraxes, e a Coral da Ruada destinará 29.000 euros a financiar a súa actividade musical.