A Asociación Boca do Monte organiza a X Xornada Castañeira en Quiroga

A Asociación Sociocultural Boca do Monte, con sede na aldea dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado (Quiroga), prepara unha nova edición da súa Xornada Castañeira, unha iniciativa que este ano alcanza o seu décimo aniversario.
A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 31 de outubro, e ten como obxectivo reivindicar a castaña como un produto que paga a pena recuperar no ámbito rural, así como manter vivo o magosto como tradición festiva e de encontro veciñal arredor deste froito outonal. Para iso, a xornada combinará unha vertente máis divulgativa con outra de carácter participativo e social, na que a música e o asado de castañas serán, xunto cos veciños da aldea e da contorna, os grandes protagonistas.
O programa
A xornada arrincará entre as 12.00 e as 13.00 horas cunha charla divulgativa sobre o aproveitamento da castaña, a cargo da empresa Delicias do Souto, de Folgoso do Courel. Unha representante da firma compartirá cos asistentes a súa experiencia na transformación deste froito nunha saída comercial, dando a coñecer os seus produtos máis destacados: a torta de castaña ‘Courelá’ e as galletas de castaña ‘Morriñas’.
Ás 18.00 horas celebrarase un obradoiro de decoración de cabazas de Samaín, pensado especialmente para os máis pequenos, que poderán decorar con axuda das súas familias as cabazas que máis tarde, iluminadas con candeas no seu interior, ambientarán o magosto popular durante a noite. Neste mesmo horario realizarase tamén unha visita ás caniceiras que se conservan nos Anguieiros —coñecidas noutras zonas como sequeiros—, para explicar aos asistentes como se secaban antigamente as castañas.
O magosto comezará ás 20.00 horas, coa preparación das castañas e o acendido do lume para iniciar o seu asado. Xa ás 21.00 horas chegará o momento de desfrutar de petiscos, viño e doces para acompañar as castañas asadas, coñecidas popularmente como ‘bullotes’. A velada contará co acompañamento musical do grupo tradicional de Quiroga ‘O Recanto’.
A organización sinalou que esta actividade conta coa axuda económica da Área de Cultura da Deputación de Lugo.