Xunqueira de Espadanedo contará cun novo servizo de autobús baixo demanda ata Ourense

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O novo traxecto, que funcionará baixo reserva previa, permitirá aos veciños destas localidades desprazarse ata a capital ourensá de luns a venres, con bonificacións para maiores de 65 anos e menores de 21
autobus-transporte
21 Sep 2026

Os veciños de Os Pensos, Pardeconde e Paradela, no concello de Xunqueira de Espadanedo, disporán a partir do vindeiro 21 de setembro dun novo servizo de transporte público que lles permitirá chegar ata a cidade de Ourense. Trátase da liña 'XG602031', que funcionará todos os días laborables, de luns a venres, e que operará baixo o sistema de reserva previa.

O servizo contempla dous traxectos diarios. Pola mañá, o autobús sairá de Os Pensos ás 07.25 horas e fará paradas en Pardeconde e Paradela antes de chegar ao Alto do Couso, onde ás 07.40 horas enlazará con outra liña que ten como destino final Ourense. Para a volta, existirá un servizo que partirá da estación intermodal de Ourense ás 14.45 horas e que conectará con esta nova liña no Alto do Couso ás 15.15 horas.

Ao tratarse dun servizo baixo demanda, quen queira utilizalo deberá reservar praza con antelación. Isto pódese facer a través do teléfono de atención ao público 981 546 100, mediante a aplicación móbil 'MoBT' ou a través da páxina web habilitada para tal fin. En todos os casos, a reserva terá que formalizarse antes das 19.00 horas do día laborable previo á data da viaxe. O sistema permite, ademais, que nunha mesma chamada se poidan reservar prazas para varias persoas á vez, así como programar desprazamentos con ata 15 días de antelación.

En canto ás tarifas, o novo servizo incorpora bonificacións para determinados colectivos. As persoas maiores de 65 anos e os menores de 21 poderán beneficiarse de descontos e mesmo de viaxes gratuítas se dispoñen da 'Tarxeta Xente Nova' ou da 'Tarifa +65'.

0.14451098442078