Xunqueira de Espadanedo celebra o seu Samaín co festival 'Pousada das Ánimas'

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O Concello ourensán organiza unha xornada de actividades para todos os públicos con obradoiros, contacontos, concertos, procesión e degustación gastronómica o vindeiro 31 de outubro
Xuncrea Samain 2026 Xunqueira de Espadanedo
24 Oct 2026

O concello de Xunqueira de Espadanedo acollerá o vindeiro 31 de outubro de 2026 unha nova edición do festival 'Xuncrea', baixo o nome de 'Pousada das Ánimas', unha celebración arredor do Samaín pensada tanto para o público infantil como para os adultos.

A xornada comezará pola tarde coa sección dedicada aos máis pequenos, bautizada como 'Samaín Miúdo'. Ás 16.30 horas dará comezo un obradoiro e sesión de contacontos a cargo de Eva Tato, titulado 'Unha noite no Castro'. Dúas horas despois, ás 18.30 horas, terá lugar 'A merenda das ánimas', un espazo de merenda temática. Xa ás 19.30 horas, o grupo Pakolas ofrecerá un concerto pensado para o público infantil, e a tarde pecharase ás 20.30 horas cunha procesión de cabazas labradas (os coñecidos como "calacús"), acompañada pola percusión do colectivo Os Xuncos.

Tras esta primeira parte orientada ás familias, o programa continuará pola noite cos actos englobados baixo o título 'A Pousada das Ánimas'. Ás 21.00 horas levarase a cabo a tradicional queimada, nesta ocasión a cargo dun "saudador". Media hora máis tarde, ás 21.30 horas, poderase degustar a proposta gastronómica bautizada como 'Petiscos do alén', unha selección de sabores típicos da zona cun prezo de 2,5 euros.

A música seguirá sendo protagonista ás 22.30 horas coa actuación de Somoza Trío, dirixida a un público máis novo, mentres que a xornada prolongarase ata a madrugada cunha sesión de DJ Verbena a partir das 00.30 horas.

O festival está organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, a Asociación Cultural Os Xuncos, a Comisión de Festas XDE e a Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel.

0.16429305076599