Xosé Casar, promotor do Bóveda Slam Poetry: “Queremos levar a alguén de Bóveda á final nacional”

RibeiraSacraXa

Por Jessica Fernández.
Bóveda Slam Poetry terceiro encontro
Bóveda Slam Poetry terceiro encontro
21 abr 2024

Por Jessica Fernández.

Falamos con Xosé Casar, promotor da idea de Bóveda Slam Poetry e creador do colectivo Kultur N’Aldea.

Cando e por que xorde o Bóveda Slam Poetry?

En marzo de 2023 naceu o Slam Poetry nun lugar rural porque todos os que se facían eran en cidades grandes pola posibilidade dos poetas de participar. Fixemos unha o ano pasado e outra agora. É o único de Lugo, en Santiago levan agora 6 anos e o de Carral empezou tamén coma nós no ano 2023.

No primeiro ano fixemos 6 slams, contando neles cunha final. De cada slam sae un gañador e os gañadores participan nunha final. Este ano, ademais, imos participar no slam nacional en outubro a final en Santander.

A idea xurdiu porque desde o ano 2011 lévanse facendo slams nacionais e eu xa participaba cando vivía Barcelona e visitaba slams que se facían de exhibición. Ao vir aquí pensei en facelo aquí no rural, xa que non había ningún e quería agrupar a xente no rural. Temos dificultades por ser pouca poboación e aos poetas custoulles, pero agora somos máis coñecidos e os poetas están encantados coa iniciativa.

Que é Kultur N’Aldea?

Kultur N’aldea é un colectivo creado por nós porque queriamos chamarlle dalgunha maneira ao grupo de persoas que organizamos o slam. Somos pouca xente e non nos constituímos en asociación, en futuro si, como asociación cultural, pero agora somos un grupo con nome: formado por min, Xosé Casar, Yolanda Álvarez, Roberto López, Anna Aranda, Rocío Rodríguez (da Librería Pelayo de Monforte) e Carlos Armesto.

Teñen axudas e colaboracións?

Eu aquí falei con xente que coñecía. Sabía que houbera un concurso de poesía en Bóveda e falei coa persoa que leva a aula de cultura do centro sociocultural e co Concello, a ver se estaban interesados en apoiar o evento, e obtiven axuda. As cuncas que damos están patrocinadas polo Concello.

Nós, ademais, facemos unha billeteira inversa, que consiste en recadar algúns céntimos do público que asiste aos eventos do slam poetry cando remata, como deixando unha propina nunha caixa, e así tamén financiamos o evento.

Onde se desenvolven os slams?

Normalmente fanse estes eventos en salas de festa ou musicais. En Santiago faise na Sala Riquela e nós aquí en Bóveda fixemos o primeiro e segundo no centro sociocultural, pero queriamos facelo en diferentes sitios do pobo para ir variando. Tamén queriamos, aínda que é complicado, facelo en diferentes parroquias para chegar a máis xente. Nós propoñemos a idea aos establecementos, co fin de dinamizar a zona e a eles gústalles, cédennos o espazo e eles gañan clientes.

En que consiste o evento?

Os participantes teñen que recitar poemas propios, escritos por eles, e non pode ser de máis de 3 minutos nin poden levar nada, só utilizan o corpo e a voz. Ademais, o tema é libre e poden elixir a lingua que queiran.

O publico é o máis importante e característico, porque é quen decide o gañador a través da súa puntuación: repartimos entre o publico aleatoriamente 5 taboleiros e, ao remate de cada interpretación, o público dálle unha puntuación de 1 e 10. Logo apúntase o resultado e o que acada maior puntuación é o que gaña.

Como está indo a tempada?

Por agora levamos tres slams. O primeiro, no que me presentei eu tamén, gañeino, entón vou á final. No segundo slam gañou Yolanda Alcas e eu gañei o terceiro, pero clasificouse o segundo, Garián da Torre.

Agora quedan outro tres slams e logo será a final, na que se decidirá quen participará do slam nacional que se celebrará en Santander. Pode gañar calquera, todos teñen unha calidade excepcional; ademais, non é un xurado especializado, vai ser público como nos slams de Bóveda, aínda que moito máis, sobre 400 persoas, e tamén as puntuacións van ser do mesmo tipo.

Á xente gústalle?

Aos poetas gústalles, sorpréndelles e cústalles facer unha interpretación deste tipo, dá algo de reparo saír a interpretar poetas ao principio, pero logo quedan encantados porque non é excesivamente formal, é moi distendido, pasámolo moi ben. Os poetas queren compartir o que fan e o gañador depende do público, do estado de ánimo, de como o faga... non é importante o premio, senón a participación.

Cales son os proxectos de futuro?

Primeiro, temos que acabar o slam poetry en xuño, entón en abril faremos o seguinte, en maio outro e a final en xuñ;  e o poeta que saia, participará no nacional.

A idea é acabar esta tempada e poder enviar un poeta de Bóveda ao nacional, e logo a idea é que a tempada que vén poidamos comezala. Este ano foi moi xusto, porque comezamos en xaneiro e agora estamos xustos tamén, entón queremos seguir e continuar e facer unha terceira tempada e seguir mandando bovedenses aos nacionais.