Vinte mulleres converten O Courel nun espazo para ler e compartir nas V Lecturas Habitadas da Fundación Uxío Novoneyra

RibeiraSacraXa
A proposta permitiu ás participantes gozar da lectura dun xeito comunitario, a través de sesións de lectura en voz alta, conversación e intercambio de diferentes puntos de vista
lecturas-habitadas-fundacion-uxio-novoneyra-courel
29 Aug 2026

A Fundación Uxío Novoneyra celebrou no Courel as V Lecturas Habitadas, unhas xornadas de biblioterapia dirixidas a mulleres que reuniron 20 lectoras entre o venres 21 e o domingo 23 de agosto.

A proposta permitiu ás participantes gozar da lectura dun xeito comunitario, a través de sesións de lectura en voz alta, conversación e intercambio de diferentes puntos de vista. Durante os tres días, as lectoras descubriron novas obras, trazaron constelacións lectoras e compartiron reflexións co obxectivo de estimular a creatividade, o pensamento crítico e a curiosidade literaria.

Entre as autoras abordadas durante as xornadas estiveron Pilar Adón, Eliane Brum, María Teresa de León, Pina Rota Fo, Miren Billalabeitia, Lupe Gómez, Olalla Cociña, Bea Lema, Unica Zürn, Céline Wagner, Sylvia Plath, Jo Harjo, Annie Ernaux, Brigitte Schwaiger, Doris Lessing, Delphine de Vigan e Julie Doucet.

Ademais das sesións de lectura, as participantes tiveron ocasión de compartir momentos de lecer durante os xantares na Fundación, favorecendo o encontro e o intercambio de experiencias arredor da literatura.

Desde a Fundación Uxío Novoneyra agradeceron a participación das lectoras nesta quinta edición, destacando a creación dunha “escoita coral” e o intercambio de pensamentos e referencias lectoras diversas ao longo das xornadas.

0.15311312675476