Vendaval volve esta semana á Ribeira Sacra con seis películas portuguesas e galegas

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
Do 25 ao 30 de agosto, A Casa da Memoria en Bóveda e outros espazos da comarca lucense acollerán a terceira edición desta mostra de cinema, con entrada de balde na maioría das actividades e a visita da cineasta Margarida Cardoso
vendaval_cinema_portugues
23 Aug 2026

A Ribeira Sacra prepárase para acoller, do 25 ao 30 de agosto, a terceira edición de Vendaval, Mostra de Cinema Portugués, un festival que nos próximos días reunirá na comarca lucense seis longametraxes de Portugal e Galicia xunto a encontros cos seus equipos artísticos. A sede principal será A Casa da Memoria, en Bóveda, aínda que a programación estenderase tamén a outros espazos da zona.

Coa excepción dun curso monográfico, todas as proxeccións e actividades paralelas —concertos, sesións DJ e coloquios incluídos— serán de balde. O groso do programa concentrarase entre o 26 e o 30 de agosto.

Entre os títulos destacados atópase 'Banzo', da directora Margarida Cardoso, que se proxectará o sábado 29 de agosto ás 22.30 horas coa presenza da propia realizadora. A cinta, ambientada en 1907 nunha illa tropical africana, conta a historia dun médico enviado a tratar un grupo de persoas escravizadas afectadas polo banzo, unha profunda melancolía que pode conducir á morte. A película chega avalada polos dez Premios Sophia —os principais galardóns do cinema portugués— que conquistou en maio, entre eles os de Mellor Película, Mellor Realización e Mellor Guión Orixinal.

Ademais de Cardoso, o festival contará coa presenza de Ana Vilaça, actriz de 'Entroncamento' (Pedro Cabeleira), que se proxectará en Sober; Teresa Castro, que presentará 'Onte á noite conquistei Tebas' (Gabriel Azorín) xunto a unha conversa sobre a súa banda sonora; e Melánia Freire, responsable de dirección artística e vestiario de 'As Estações' (Maureen Fazendeiro). O sábado 29 tamén se proxectará 'O Riso e a Faca', de Pedro Pinho, coa presenza do seu actor protagonista, Sérgio Coragem, mentres que a clausura, o día 30, corresponderá a 'San Simón', de Miguel Ángel Delgado, coa asistencia do director.

Como novidade desta edición, Margarida Cardoso impartirá os días 29 e 30 de agosto en A Casa da Memoria o curso 'Filmar Depois do Império', unha actividade inédita en Galicia —e a única de pago do festival— que reflexionará sobre como o cinema portugués abordou a herdanza colonial e a memoria das guerras en África, a partir de películas como Natal 71 e a propia Banzo.

Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra que pretende ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade dos dous lados da fronteira, cun programa que destaca as coproducións luso-galegas e unha aposta polo cinema de autor no rural. O festival conta co patrocinio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.12767100334167