Veciños da Pobra do Brollón denuncian o grave deterioro da estrada entre Saa e A Veneira de Roques

RibeiraSacraXa
Medio cento de persoas concentráronse para reclamar o arranxo urxente dunha vía en moi mal estado, deteriorada tras un incendio forestal e os traballos posteriores de extracción de madeira
veciños_a_pobra_do_brollon
31 Aug 2026

Uns cincuenta veciños e veciñas concentráronse este mediodía para reclamar a reparación da estrada LU-P-4707, a vía que conecta o núcleo de Saa con A Veneira de Roques. Á protesta sumáronse representantes do goberno municipal, entre eles o rexedor da Pobra do Brollón e a concelleira Marián Martínez, que amosaron o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza.

Esta estrada dá servizo a varios núcleos de poboación, entre eles Lebrón, Teixeira, Forgas, Covadelas e A Veneira de Roques, e constitúe ademais o único acceso a lugares de interese turístico e patrimonial da zona, como as antigas minas de ferro da Veneira e a contorna de San Vitorio, onde se celebra cada ano unha concorrida romaría e que tamén é punto de referencia para o sendeirismo e as carreiras de montaña.

O estado do firme agravouse notablemente tras o incendio forestal que afectou á zona en 2022 e os traballos de saca de madeira que se realizaron despois. Como resultado, uns dez quilómetros de trazado atópanse practicamente sen asfalto, con tramos case intransitables, buratos e abundante pedra solta, o que supón un risco tanto para os vehículos como para quen circula por ela.

A veciñanza leva polo menos dous anos reclamando unha solución a este problema, queixas que hoxe trasladou directamente aos responsables municipais. Dende o Concello aseguraron que levan meses presionando para lograr a rehabilitación da estrada e que nos vindeiros días solicitarán un encontro coa presidencia da Deputación de Lugo, institución da que depende a vía, para trasladar a preocupación veciñal e seguir esixindo que se actúe canto antes.

0.14611887931824