Unha proposta ourensá de coordinación asistencial no coidado de feridas, premiada no Congreso Galego de Feridas

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Un equipo de profesionais de enfermaría de distintos niveis asistenciais foi recoñecido por unha proposta orientada a reforzar a coordinación entre hospital e atención primaria na derivación de pacientes con feridas
VII Congreso da Sociedade Galega de Feridas - premio Ourense
14 Sep 2026

Un equipo de profesionais de enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras recibiu un recoñecemento como semifinalista no VII Congreso da Sociedade Galega de Feridas, celebrado a pasada fin de semana en Vigo.

O traballo, titulado 'Voluntad versus flujo interasistencial. A propósito de una úlcera', foi desenvolvido por Diana Novoa Araujo, Cristina Gómez Ríos, Susana González Padrón e Eva Padrón Lloves, enfermeiras do Hospital Universitario de Ourense; Navor Pereira Losada, do Equipo de Soporte de Atención Domiciliaria de Celanova, e Lucía Bruquet Costa, enfermeira do Centro de Saúde de Chandrexa de Queixa. A proposta foi dotada con 250 euros procedentes da VII Bolsa Trisquel ao Coidado de Feridas.

A diferenza da maioría dos traballos que adoitan presentarse neste certame —habitualmente centrados en casos clínicos sobre o tratamento de úlceras— o equipo optou nesta ocasión por formular unha proposta de mellora na xestión do circuíto asistencial destes pacientes, co obxectivo de reforzar a coordinación entre os distintos profesionais implicados e garantir a continuidade dos coidados cando un paciente é derivado, xa sexa ao ingresar no hospital ou ao pasar do ámbito hospitalario á atención primaria, tanto nos centros de saúde como no domicilio.

O xurado do certame destacou precisamente o carácter innovador dun estudo centrado na organización da atención enfermeira, fronte ao enfoque clínico-práctico que adoita predominar neste tipo de traballos, subliñando a relevancia da continuidade dos coidados para facilitar o percorrido asistencial das persoas con feridas e a transmisión de información entre os equipos.

A continuidade dos coidados: referentes e Conecta 72

As lesións por presión —denominación actual das coñecidas como úlceras por presión— son danos na pel ou nos tecidos máis profundos provocados por unha presión mantida, xa sexa soa ou combinada co rozamento e o desprazamento dos tecidos. Afectan especialmente a persoas con mobilidade reducida, dependencia ou enfermidades crónicas, e poden orixinarse tanto durante un ingreso hospitalario coma no propio domicilio.

A enfermaría desempeña un papel clave na súa prevención, detección e tratamento. No hospital, estes coidados inclúen a valoración do risco, a revisión periódica da pel, os cambios posturais, o emprego de superficies que alivian a presión e a planificación das curas e da continuidade asistencial tras a alta. Nos centros de saúde e nos domicilios, o persoal de enfermaría realiza o seguimento da evolución, adapta as curas, detecta posibles complicacións e forma ás persoas coidadoras en aspectos como a mobilización, a hixiene, a alimentación e a vixilancia da pel, ademais de orientalas e acompañalas a través da labor de saúde comunitaria.

Segundo o último estudo nacional do Grupo Nacional para o Estudo e Asesoramento en Úlceras por Presión e Feridas Crónicas, este tipo de lesións afectaban ao 7,7 % das persoas adultas hospitalizadas e ao 5,82 % das incluídas en programas de atención domiciliaria desde atención primaria. Dentro destas lesións, as máis frecuentes son as producidas por presión, cunha prevalencia do 4,43 %, e a maioría orixínanse no propio domicilio, o que reforza a importancia da prevención e do seguimento desde atención primaria.

Na Área de Ourense, tanto a atención primaria como o ámbito hospitalario contan con profesionais de enfermaría de referencia no coidado de feridas, encargados de asesorar ao resto do persoal sanitario nos casos máis complexos.

Ademais, para reforzar a coordinación entre niveis asistenciais de cara á alta hospitalaria, o Sergas dispón dun programa específico, Conecta 72, mediante o cal o persoal de enfermaría do centro de saúde correspondente a cada paciente contacta con el ou cos seus coidadores durante os primeiros tres días tras a alta, co fin de comprobar a súa evolución, resolver dúbidas, valorar necesidades ou programar o seguimento dos coidados indicados. No caso das persoas con feridas, esta comunicación facilita a coordinación das curas e do seguimento entre o hospital, o centro de saúde e, cando resulta necesario, o domicilio.

0.1473081111908