Unha placa na Casa da Memoria de Bóveda lembra a Manuel Díaz González, "o pequeniño do Incio"

Unha placa na Casa da Memoria de Bóveda lembra a figura de Manuel Díaz González, coñecido como "o pequeniño do Incio" e "Médico dos Pobres", coincidindo co 90 aniversario da súa captura e fusilamento.
A asociación Memoria é Naufraga, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organizou con motivo desta efeméride as III Xornadas da Memoria, que comezaron este venres 11 de setembro co descubrimento da placa no que foi o derradeiro refuxio do médico.
O acto contou coa participación do vicepresidente da Deputación e deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, que cualificou o momento de "emotivo e simbólico", ao coincidir coa mesma data do "paseo de Manuel", un home a quen todos lembraban como "bo e xeneroso".
Castro destacou tamén a importancia de manter viva a memoria arredor da figura de Manuel Díaz González e da represión franquista, especialmente "nestes tempos nos que hai quen nega a verdade do terror da represión franquista".
As III Xornadas da Memoria continuaron este venres 11 de setembro ás 17:00 horas no Vello Cárcere de Lugo cunha conferencia e unha mesa redonda coordinadas por Ramón Villares. A conferencia "El legado del Dr. Manuel Díaz González: O Pequeniño do Incio" correu a cargo de José Luis Díaz Gómez, investigador titular do Departamento de Historia e Filosofía da Medicina da Facultade de Medicina da UNAM e membro da Academia Mexicana da Lingua.
A xornada completouse coa mesa redonda "A vida e obra do médico no contexto da II República", na que participaron Lourenzo Fernández Prieto, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e José Luis Díaz Gómez.
A programación continuará este sábado 12 de setembro. Ás 13:00 horas, na Casa da Memoria de Bóveda, terá lugar un concerto do cantautor Xosé Constenla, especializado en memoria histórica.
Ás 18:00 horas celebrarase unha ofrenda floral no monólito situado xunto ao castiñeiro centenario onde foi asasinado o doutor Manuel Díaz, entre Laiosa e O Incio. A continuación, terá lugar unha homenaxe no busto situado na Praza da Vila do Incio.
O domingo 13 de setembro, as actividades estarán centradas no cinema, a poesía e o teatro. Ás 12:00 horas proxectarase na Casa da Memoria o filme "O Médico dos Pobres", dirixido por Federico A. Riobóo.
Ás 14:00 horas celebrarase un xantar na honra de Manuel Díaz González e, ás 16:30 horas, Xurxo Ayán e Olga Novo protagonizarán "Historia e poesía: memoria viva".
As xornadas rematarán ás 18:00 horas coa representación de "Vermellos", a cargo da compañía Rebuldeira Teatro de Sarria.