Un concerto de violoncelo e clave retoma este domingo o ciclo ‘Música no Outono’ en Sober

O ciclo ‘Música no Outono’ volve a Sober este domingo cunha nova proposta musical, froito da colaboración entre o Concello e as Xuventudes Musicais da localidade. O concerto reunirá nun mesmo escenario a dous instrumentos, o violoncelo e o clave, da man da violonchelista Laia Terré e o intérprete de clave Lorenzo Rupil. A cita será ás 19.00 horas no Centro Sociocultural, con entrada libre.
O programa está concibido como un diálogo entre ambos os instrumentos, violoncelo e clave, que ao longo do século XVIII compartiron escenario e repertorio en boa parte da música de cámara europea. A través desa combinación, o concerto propón un percorrido sonoro pola Europa daquel século, con autores de distintas tradicións que van desde Italia ata Francia e a península ibérica. Entre as pezas que se interpretarán figuran obras de Francesco Geminiani, Giovanni Bononcini, Martin Berteau, Antoine Dard e Pablo Vidal, ademais dunha peza anónima procedente dun manuscrito conservado en Santa María do Pi. Esta variedade de autores permite amosar os distintos estilos e sensibilidades artísticas que conviviron naquela época, co clave acompañando e dialogando co violoncelo en cada unha das sonatas do programa.
Durante o século XVIII, o violoncelo experimentou unha notable evolución nos seus recursos técnicos e expresivos, o que lle permitiu consolidarse tanto como instrumento solista como peza clave da música de cámara, sempre en estreita relación con instrumentos de acompañamento harmónico como o clave. As composicións daquel período resultaron determinantes para definir o papel de ambos os instrumentos dentro da práctica musical, asentando as bases que aínda hoxe seguen vixentes.