Turismo de Galicia e os municipios do Camiño de Inverno abordan novas accións de promoción no décimo aniversario da ruta

RibeiraSacraXa
Entre os asuntos tratados estiveron o reforzo da seguridade do trazado, a ampliación de servizos e distintos investimentos destinados a incrementar o atractivo do percorrido
turismo-galicia-camiño-inverno
9 May 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo unha reunión con representantes da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno para analizar iniciativas vinculadas ao décimo aniversario da oficialización deste itinerario xacobeo, que se celebra ao longo deste ano.

No encontro participaron integrantes da directiva da entidade, que trasladaron diferentes propostas orientadas á promoción turística da ruta e á mellora da experiencia das persoas peregrinas. Entre os asuntos tratados estiveron o reforzo da seguridade do trazado, a ampliación de servizos e distintos investimentos destinados a incrementar o atractivo do percorrido.

Durante a reunión tamén se revisaron as actuacións previstas dentro do proxecto de mellora da seguridade viaria do Camiño de Santiago con vistas ao Xacobeo 2027. No caso do Camiño de Inverno, os traballos afectan a doce treitos situados nos concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, A Rúa, Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Rodeiro e Lalín.

Estas actuacións forman parte dun plan máis amplo impulsado pola Xunta para actuar en máis de 150 quilómetros das distintas rutas xacobeas, co obxectivo de afastar aos peregrinos dos puntos con maior risco para a circulación. O investimento global previsto ascende a 40 millóns de euros.

Turismo de Galicia tamén destacou a vontade de seguir reforzando a promoción dos itinerarios menos transitados dentro do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, co propósito de mellorar os recursos turísticos asociados ás rutas e favorecer o desenvolvemento económico dos municipios polos que pasan.

Segundo os datos facilitados, durante o ano 2025 percorreron o Camiño de Inverno un total de 2.759 peregrinos, dos que un 44 % procedían doutros países. A maior parte das persoas peregrinas chegaron desde España, aínda que tamén destacou a presenza de visitantes de Portugal, Italia e Estados Unidos.

0.14015698432922