Todo listo para unha nova edición da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón

A XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón celebrarase do 8 ao 10 de maio, coincidindo coa segunda fin de semana do mes, nunha nova edición que mantén o formato ampliado dos últimos anos e reforza as actividades arredor da cultura do viño.
A presentación do evento tivo lugar na adega Losada Fernández S.L., coa participación do alcalde de Pantón, José Luis Álvarez; a concelleira de Cultura, Cristina Domínguez; e o adegueiro anfitrión, Ramón Losada.
A organización aposta por consolidar o modelo iniciado na pasada edición, cunha programación de tres días e a incorporación de propostas divulgativas e de lecer vinculadas ao viño. Entre elas destacan a cata maridaxe “Sabores da Ribeira Sacra”, prevista para o venres, e a segunda edición da Cata Popular, que se celebrará o sábado. Estas actividades, organizadas en colaboración con Vinosacra, serán gratuítas pero con aforo limitado, polo que será necesaria inscrición previa.
Segundo explicou a concelleira de Cultura, a experiencia do ano pasado resultou positiva e permitiu introducir melloras a partir das achegas das adegas participantes. As inscricións xa están abertas a través do teléfono habilitado polo concello.
Nesta edición participan oito adegas da denominación: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudaseis, Nogueiras, Saíñas, Don Ventura e Corzoás, mentres que Capilla non participará por motivos persoais.
O alcalde destacou o carácter familiar da celebración e puxo en valor o patrimonio natural e cultural de Pantón, subliñando a combinación de paisaxe, tradición vitivinícola e recursos turísticos do municipio. Pola súa banda, Ramón Losada incidiu no esforzo das adegas por manter a calidade e identidade dos viños da zona, ligados ao traballo nas ribeiras do Sil e do Miño.
PROGRAMA COMPLETO DA XXXI MOSTRA DE VIÑOS DA RIBEIRA SACRA DE PANTÓN