Taboada revive o vindeiro luns a súa tradicional Queima das Fachas

RibeiraSacraXa
O castro de Castelo acollerá o 7 de setembro unha das tres festas do lume que aínda se conservan en Galiza, unha celebración de raíces seculares mantida viva pola asociación veciñal da parroquia
Queima_Fachas_Taboada
4 Sep 2026

O castro de Castelo, no concello de Taboada, será escenario o vindeiro luns 7 de setembro da Queima das Fachas, unha celebración que afunde as súas raíces nun ritual de lume de carácter secular e que segue reunindo cada ano a veciñanza da parroquia.

A festa debe a súa continuidade á Asociación Cultural As Fachas, colectivo que se encargou de recuperar e manter viva esta manifestación tradicional ao longo do tempo. O proceso de elaboración das fachas forma parte esencial do rito: constrúense cun pé de madeira ao que se engaden agucios recollidos casa por casa entre os veciños da parroquia. Unha vez confeccionadas, dispóñense formando un círculo antes de proceder á súa queima, seguindo unha coreografía que se repite xeración tras xeración.

Máis alá do seu valor festivo, a Queima das Fachas de Castelo ten un significado especial dentro do patrimonio inmaterial galego, xa que se trata dunha das unicamente tres festas do lume que se conservan na actualidade en Galiza. As outras dúas citas deste tipo que perviven son a de Vilelos, no concello do Saviñao, e a que se celebra en Castro Caldelas, o que converte estas celebracións nun patrimonio singular e minoritario dentro do calendario festivo galego.

A cita deste ano conta cunha achega económica de 3.000 euros procedente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, un apoio que se enmarca no respaldo institucional ao tecido asociativo das parroquias. Na presentación do acto estivo presente a deputada de Cultura, Iria Castro, quen puxo en valor a implicación veciñal na continuidade desta tradición como parte da identidade colectiva do territorio.

0.12210607528687