Taboada remata dúas actuacións de mellora nas vías municipais de Santiago de Cicillón

O Concello de Taboada deu por rematadas dúas intervencións de mellora na rede viaria municipal, ambas as dúas situadas na parroquia de Santiago de Cicillón, tras varias semanas de traballos.
A primeira das actuacións consistiu no acondicionamento da pista que vai dende o lugar de A Lagoa ata Nogueira, prolongándose ata enlazar coa estrada LU-211. Esta obra foi posible grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Taboada e a Deputación de Lugo, dotado cun importe de 250.000 euros.
A segunda actuación centrouse na mellora do interior do propio núcleo de A Lagoa. Neste caso, os traballos desenvolvéronse ao abeiro do Plan de Cooperación cos Concellos que impulsa a institución provincial, destinado a apoiar a execución de obras de carácter local nos municipios da provincia.
Unha vez rematados os traballos, o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, acompañado dos concelleiros Roberto García e María José Poyán, realizou unha visita para comprobar o resultado final de ambas as actuacións. Dende o goberno local destacouse que estas melloras supoñen un avance significativo para esta zona do concello, ao facilitar as comunicacións e o acceso entre os distintos puntos da parroquia.