Taboada remata dúas actuacións de mellora na rede viaria de San Xián de Campo

RibeiraSacraXa
O Concello finalizou os traballos no treito que conecta o cruce de Buín con Brandián e no acceso á aldea de Moure Grande, dentro de sendos acordos asinados coa Deputación de Lugo
obras_taboada_1
2 Sep 2026

O Concello de Taboada completou nas últimas semanas dúas intervencións destinadas a mellorar o estado da rede viaria municipal ao seu paso pola parroquia de San Xián de Campo, co obxectivo de facilitar a mobilidade dos veciños da zona.

A primeira das actuacións afecta á pista que vai dende o cruce de Buín ata o lugar de Brandián. Esta obra foi posible grazas a un convenio dotado con 250.000 euros, asinado entre o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, e a Deputación de Lugo, que permitiu acometer a mellora deste treito viario.

A segunda das obras centrouse no acceso á aldea de Moure Grande. Esta actuación executouse no marco do Plan de Cooperación cos Concellos, unha liña de colaboración que impulsa a institución provincial lucense cos distintos concellos da provincia.

Unha vez rematados ambos os traballos, o rexedor municipal, Roi Rigueira, achegouse ata a zona para comprobar persoalmente e de primeira man o resultado das obras de mellora. Durante a visita estivo acompañado polos concelleiros Roberto García, María José Poyán e Abel Fernández.

0.15066599845886