Taboada prepárase para unha nova edición da Festa da Mocidade con música e actividades para todos os públicos

RibeiraSacraXa
A cita celebrarase o 7 de agosto e contará cun cartel encabezado por 9Louro, Dakidarría, Tapa d'Orella e The Palangans
Presentación-Festa-da-Mocidade-de-Taboada-26
31 Jul 2026

A Festa da Mocidade de Taboada volverá converterse nun dos grandes referentes festivos do verán na comarca o vindeiro 7 de agosto. O evento, organizado pola Asociación Cultural Madialeva O!, reunirá milleiros de persoas arredor dunha programación musical que combinará diferentes estilos e propostas para todos os públicos.

O cartel desta edición contará coas actuacións de grupos e artistas como 9Louro, Dakidarría, Tapa d'Orella e The Palangans, entre outras formacións que animarán unha xornada pensada para o desfrute da mocidade e tamén do conxunto da veciñanza. A cita consolidouse nos últimos anos como un dos encontros máis multitudinarios do sur da provincia, atraendo visitantes de diferentes puntos de Galicia.

A organización destaca que a festa se converteu nun importante motor de dinamización social e económica para o municipio, cun impacto directo na hostalaría, no comercio e nos servizos locais. Ademais de ofrecer unha alternativa de lecer durante o verán, o evento contribúe a promover a participación da veciñanza e a fortalecer o tecido asociativo da localidade.

A Deputación de Lugo colabora nesta edición cunha achega de 9.680 euros destinada á organización da festa. A presentación do evento contou coa participación da deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; do alcalde de Taboada, Roi Rigueira; da deputada de Cultura, Iria Castro Fernández; así como de representantes da Asociación Cultural Madialeva O! e doutras entidades colaboradoras.

0.074758052825928