O Concello de Taboada prepara unha nova rolda de reunións coas parroquias para coñecer as demandas veciñais

O Concello de Taboada iniciará proximamente unha nova rolda de reunións coas parroquias do municipio co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades e demandas da veciñanza e incorporalas á mellora dos servizos e dos bens públicos.
O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, explicou que estes encontros darán continuidade á primeira rolda realizada hai aproximadamente ano e medio, cando por primeira vez se organizaron reunións en todas e cada unha das 27 parroquias do municipio. Segundo sinala, aquelas xuntanzas permitiron recoller información sobre as principais necesidades da poboación e, ao mesmo tempo, trasladar aos veciños o traballo desenvolvido polo Concello e os proxectos en marcha.
Rigueira valora de maneira positiva a participación e o ambiente destas reunións, que permitiron ao Goberno municipal manter un contacto directo coa realidade das parroquias e coñecer as cuestións que preocupan á veciñanza.
A segunda rolda comezará nas próximas semanas e xa conta coas primeiras datas pechadas. O primeiro encontro será en Castelo, o xoves 1 de outubro ás 18.00 horas, no local social.
Ao día seguinte, venres 2 de outubro, celebraranse outras dúas xuntanzas. A primeira será en Insua San Salvador, ás 16.30 horas no local social, mentres que ás 18.30 horas terá lugar a reunión de Santa Eulalia de Vilar de Cabalos, na igrexa de Santa Eulalia.
O Concello irá comunicando as datas das restantes reunións a medida que se vaian concretando, coa intención de favorecer a participación da veciñanza das diferentes parroquias.