Taboada mellora a mobilidade na aldea de Carballós tras máis de 40 anos sen renovar as súas rúas

RibeiraSacraXa
O Concello executou obras de mellora do firme no núcleo de Xián e tamén acondicionou con formigón unha entrada en Xestoso, na parroquia de San Martiño de Mato
obras-firme-lugar-de-carballos-xian-taboada
22 Aug 2026

A aldea de Carballós, na parroquia de Xián, conta xa cunhas rúas interiores renovadas despois de máis de 40 anos sen actuacións no firme. Así o anunciou o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, quen destacou que se trataba dunha demanda histórica da veciñanza.

Segundo explicou o rexedor, naquela ocasión fora a propia veciñanza a que asumira o custo do formigón empregado nas rúas, sen contar coa colaboración de ningunha administración. Agora, o Concello executou unha actuación que permitirá mellorar a mobilidade e a seguridade no lugar, tanto para o tráfico rodado como para os peóns. Os traballos tamén incluíron a dotación de formigón dunha pequena entrada situada en Xestoso, na parroquia de San Martiño de Mato.

Roi Rigueira destacou que estas actuacións forman parte do traballo municipal para continuar mellorando os servizos e as infraestruturas nas diferentes aldeas de Taboada, independentemente do número de habitantes ou da distancia respecto da capitalidade municipal. O alcalde asegurou que o Concello continuará avanzando na dotación de servizos e na mellora das condicións de vida da veciñanza dos núcleos rurais do municipio.

0.11504888534546