Taboada inviste máis de 30.000 euros na mellora da vía entre A Cruz de Buín e Brandián

RibeiraSacraXa
A intervención permitirá solucionar o deterioro que presentaba este acceso
mellora-accesos-brandian-campo-taboada
29 Aug 2026

O Concello de Taboada continúa coas actuacións de mellora da súa rede viaria cunha obra destinada a reparar a pista que comunica A Cruz de Buín coa aldea de Brandián, na parroquia de San Xulián do Campo. A intervención conta cun investimento superior aos 30.000 euros e permitirá solucionar o deterioro que presentaba este acceso.

O alcalde de Taboada, Roi Rigueira, destacou que se trata dunha actuación “moi demandada” polos veciños e veciñas da zona, que conta cunha importante poboación en relación co habitual no municipio e na que viven varios nenos e nenas en idade escolar. Neste sentido, sinalou a necesidade de garantir un acceso en boas condicións para estas localidades.

Na mesma parroquia, o Concello acometeu recentemente tamén obras de reparación nos accesos á aldea de Moure Grande, que presentaban un avanzado estado de deterioro.

O Goberno municipal recoñece, ao mesmo tempo, que aínda quedan actuacións pendentes nesta zona. En concreto, Roi Rigueira sinala o mal estado da vía que parte de Brandián cara a Quintá e O Pedrouzo, e que conecta coa estrada N-540 á altura de A Casilla.

O alcalde asegura que o Concello traballará para acometer tamén a reparación desta vía “á maior brevidade posible”, co obxectivo de mellorar as comunicacións desta zona do municipio ao longo da presente lexislatura.

0.16981506347656