Taboada inicia a primeira fase da recuperación do Campo da Feira

Taboada iniciou nos últimos días as obras correspondentes á primeira fase da urbanización do Campo da Feira, unha actuación promovida pola Tenencia de Alcaldía coa que o Concello pretende recuperar este espazo central da vila e incorporarlle novos usos.
Os traballos comezaron despois de que o Concello adquirise nos últimos meses os terreos e inmobles necesarios para abordar a recuperación do conxunto. Nesta primeira intervención estase actuando tanto no inicio da rúa Real como na zona do Campo da Feira situada detrás da Casa Consistorial.
Na entrada da rúa Real está prevista a creación dunha pequena praza no solar que se atopaba en estado de abandono. O proxecto contempla a transformación deste espazo nunha zona verde, a reorganización dos colectores do lixo e a creación dunha conexión visual entre o Campo da Feira e a Alameda.
Na propia área do Campo da Feira estase retirando parte do asfalto existente para reorganizar o espazo. A intervención inclúe a creación de prazas de aparcamento para ordenar o tráfico rodado e a construción dunha nova praza con pedra e formigón impreso. Tamén se ampliará a superficie destinada a zona arborada.
O proxecto terá continuidade nunha fase posterior con outras actuacións. Entre elas figura a apertura dunha rúa peonil que conectará a Alameda co Campo da Feira e a instalación dunha cuberta adosada ao inmoble adquirido polo Concello coñecido como ‘Matadoiro do Touza’, co obxectivo de crear un espazo de uso polivalente.
O Campo da Feira mantén un significado especial para Taboada pola súa vinculación coa actividade feiral da vila. O espazo contou con numerosos pendellos ata a década de 1980 e, a pesar do seu actual estado de deterioro, continúa concentrando unha parte importante das zonas verdes do núcleo urbano. Desde a Tenencia de Alcaldía sinalan tamén o incremento do número de celebracións festivas que se desenvolven actualmente neste lugar.
As obras están financiadas mediante un convenio entre o Concello de Taboada e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A deputada provincial Iria Castro desprazouse nos últimos días ata a zona para coñecer o avance dos traballos, nunha visita na que estivo acompañada polo tenente de alcalde, José Portela.
Portela destacou o traballo realizado nos últimos meses para facer posible a intervención e expresou a súa expectativa de que “en poucos meses poidamos ver de forma satisfactoria o resultado de moitos meses de traballo, que implicaron a sinatura do convenio, a adquisición por vía de compra dos inmobles e terreos necesarios, e a elaboración e posta en marcha dun proxecto que procura a máxima calidade de equipamentos e materiais”.