Taboada inicia a instalación dunha cuberta na pista de pádel da Medela

O Concello de Taboada iniciou estes días os traballos para instalar unha cuberta na pista de pádel da área recreativa da Medela, unha actuación impulsada pola Concellería de Cultura e Deporte.
A cuberta era unha demanda existente desde a construción da pista, no ano 2022, e permitirá ampliar o período de utilización da instalación para que poida empregarse durante todo o ano, incluídos os meses de inverno.
Desde a Área de Deporte sinalan que esta actuación era unha das prioridades, aínda que a súa execución se demorou polas dificultades para adxudicar os traballos derivadas do encarecemento dos materiais durante o último ano.
O alcalde, Manuel Diéguez, valora “positivamente que poidamos contar dentro duns días cunha pista de pádel cuberta, que será un reclamo máis dos servizos deportivos municipais”.
As obras están financiadas a través dun convenio coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. No marco desta colaboración, a deputada de Cultura, Iria Castro, visitou a pasada semana o lugar onde se está a desenvolver a actuación.