Taboada celebrará en xuño un acto de homenaxe polo 55º aniversario do CPI San Tomé do Carballo

RibeiraSacraXa
Desde o Concello fan un chamamento á participación da veciñanza e, especialmente, de antigo profesorado, alumnado e persoal do centro
presentacion-aniversario-ceip-taboada
16 May 2026

O Concello de Taboada organizará o próximo 14 de xuño un acto de homenaxe para conmemorar o 55º aniversario da apertura do CPI San Tomé do Carballo, un centro educativo considerado clave na historia recente do municipio.

A iniciativa, promovida a través da Área de Educación e Benestar, desenvolverase a partir das 12:30 horas nos exteriores do colexio e incluirá petiscos e acompañamento musical para as persoas asistentes.

Desde o Concello fan un chamamento á participación da veciñanza e, especialmente, de antigo profesorado, alumnado e persoal do centro. “Agardamos que sexa un día de lembranza, reencontro e homenaxe a este centro educativo tan importante para a historia recente do municipio”, sinalan desde o goberno local.

O CPI San Tomé do Carballo comezou a constituírse como grupo escolar a partir de 1971, integrando mestres e mestras que durante os primeiros anos impartían clase en diferentes locais da vila. Co paso do tempo, as escolas rurais fóronse agrupando arredor do centro, nun proceso que contribuíu a fortalecer a cohesión social e a relación entre a mocidade das 27 parroquias do concello.

Coincidindo con esta efeméride, desde o Concello destacan a relevancia que tivo o colexio ao longo destas máis de cinco décadas e animan á cidadanía a participar no acto. “Animamos á veciñanza de Taboada e a todas as persoas máis ou menos relacionadas co noso CPI a achegarse o día 14 de xuño para sumarse a este evento”, indican.

0.12025308609009