Taboada adxudica as obras do Paseo da Medela e anuncia o inicio das obras durante este verán

RibeiraSacraXa
A actuación, cun investimento próximo aos 200.000 euros financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, permitirá crear unha senda ciclable de 1.200 metros entre o núcleo urbano e a área recreativa
jose-portela-paseo-da-medela
8 Aug 2026

O Concello de Taboada dará comezo nos próximos días ás obras do Paseo da Medela tras a resolución definitiva da súa adxudicación á empresa Manuel Novoa Castro S.L. Así o anunciou o tenente de alcalde, José Portela, quen informou de que o proceso quedou pechado a pasada semana e permitirá iniciar os traballos durante este verán.

Portela mostrou a súa satisfacción por este avance e asegurou que a adxudicación permitirá levar a cabo o proxecto “asegurando a maior calidade nos materiais e técnica, con fidelidade ao proxecto”. Ademais, agradeceu a participación da empresa Manuel Novoa Castro S.L. no procedemento de licitación, “conscientes todos da importancia do Paseo da Medela para o pobo de Taboada”.

A actuación contará cun investimento total próximo aos 200.000 euros, unha achega procedente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e permitirá acondicionar un percorrido de 1.200 metros entre o núcleo urbano de Taboada e a área recreativa da Medela.

O novo paseo estará configurado como unha senda ciclable, na que terán prioridade os peóns e os ciclistas, seguindo esta orde, fronte ao resto de usos.

Desde o Concello sinalan que nos próximos días, coincidindo co inicio dos traballos, daranse a coñecer todos os detalles relacionados cos materiais, equipamentos e demais características da actuación, un proxecto no que a Tenencia de Alcaldía leva varios anos traballando.

0.12345480918884