Taboada acollerá este sábado a proxección do documental sobre os incendios do Courel de 2022

O Concello de Taboada acollerá este sábado unha nova proposta cultural coa proxección do documental ‘O son da serra. Cando o Courel chorou bágoas de cinsa’ (2025), un traballo audiovisual centrado nos incendios que arrasaron a serra do Courel en 2022.
A actividade, que conta coa colaboración da Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo, terá lugar ás 20.00 horas no Cuartel Vello.
Tras a proxección celebrarase un coloquio no que participarán Felipe Castro e Ana Belén Fernández, unha das directoras e produtoras do documental.
Dende a área de Cultura do Concello amosaron a súa satisfacción por poder acoller esta sesión, destacando que Fernández é veciña do municipio, o que permite presentar o seu traballo audiovisual, nas súas palabras, “na casa”.