Sober será o primeiro concello da provincia en sumarse ao proxecto ‘Retorna Galicia’

RibeiraSacraXa
A iniciativa busca dar unha segunda vida a vivendas ou edificios inhabitados ou en ruína e fixar nova poboación en zonas rurais
retorna-galicia-sober
5 May 2026

O Concello de Sober será o primeiro municipio lucense en sumarse ao proxecto ‘Retorna Galicia’, unha iniciativa que pretende darlle unha segunda vida a vivendas ou edificios inhabitados ou en ruína.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, vén de manter unha reunión cos promotores desta proposta, que explican que ‘Retorna Galicia’ pretende construír un proxecto escalable que une activos, rehabilitación, operación e financiación moderna, mediante fórmulas como os fondos de inversión. O obxectivo, sinalan, é conseguir rehabilitar 1.500 vivendas en Galicia nos próximos cinco anos.

Pola súa banda, o Goberno local do Concello de Sober colaborará prestando a súa axuda para identificar aquelas vivendas ou inmobles que se atopan deshabitadas, como paso previo para a súa rehabilitación e posterior explotación. “É unha fórmula que nos parece axeitada para poder fixar nova poboación no rural”, precisa Guitián.

Unha vez as vivendas están localizadas, desde ‘Retorna Galicia’ activan a rehabilitación e xestión con financiación mixta (privada + pública) e coa tokenización como bandeira para aumentar o impacto das operacións. O obxectivo final, precisan, é impulsar a recuperación patrimonial, o turismo sostible, e a vivenda mediante novas fórmulas de financiación híbrida.

O rexedor soberino comprometeuse a ser un “aliado” deste proxecto, facilitando o diálogo, a identificación de oportunidades e a posta en valor de recursos que merecen unha segunda vida.

0.13255500793457