Sober repartirá 50 composteiros de balde entre vivendas unifamiliares

RibeiraSacraXa
A campaña de compostaxe doméstica está dirixida a casas con parcela ou horta de polo menos 25 metros cadrados
composteiro-doméstico-sober
28 Sep 2026

O Concello de Sober puxo en marcha unha nova campaña para fomentar a compostaxe doméstica coa entrega de 50 composteiros de balde a vivendas unifamiliares do municipio. A iniciativa busca mellorar a xestión dos residuos de competencia municipal e está cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.

As persoas interesadas deberán residir nunha vivenda illada que dispoña dunha parcela ou horta de polo menos 25 metros cadrados. A solicitude poderá realizarse en liña, mediante o código QR incluído na cartelería da campaña, ou chamando ao teléfono do Concello, 982 460 001.

Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e deberá instalarse no exterior da vivenda. O Concello recomenda situalo nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos encargados da descomposición.

Coa campaña, o Concello pretende promover os beneficios ambientais, económicos e sociais da compostaxe doméstica e recuperar unha práctica tradicional do rural galego, baseada na separación dos restos orgánicos para alimentar o gando ou elaborar compost.

O sistema permite actualizar esta tradición cun método máis hixiénico, cómodo e eficiente, ao tempo que facilita a redución da xeración de residuos orgánicos desde os propios fogares.

Para obter máis información ou formalizar a solicitude, a veciñanza pode contactar co Concello no teléfono 982 460 001 ou consultar a web oficial concellodesober.com.

0.16019010543823