Sober lanza tres bolsas culturais internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para formación en fotografía

O Concello de Sober convocou tres Bolsas Culturais Internacionais ‘Pintor de Castinandi’ para o verán de 2026, co obxectivo de impulsar o crecemento cultural a nivel internacional, fomentar a formación e facilitar o desenvolvemento persoal de tres persoas, que poderán participar de forma gratuíta no Taller de Verán de fotografía organizado por La Plantación, que se celebrará do 12 ao 17 de xullo co fotógrafo Antoine D’Agata.
Trátase da sexta edición desta iniciativa conxunta entre o Concello e o proxecto cultural La Plantación. Encontros y Conocimiento, unha proposta que promove encontros entre creadores e persoas interesadas na arte, tanto profesionais como non profesionais, co obxectivo de reflexionar sobre proxectos e procesos creativos. Cada bolsa ten un valor de 895 euros.
Estas axudas están dirixidas a persoas de ata 40 anos con inquedanzas artísticas e culturais, incluíndo estudantes, titulados ou persoas vinculadas ao ámbito da fotografía ou das artes visuais.
O Concello de Sober busca tres perfís con interese na creación artística e en procesos de formación continua, que cumpran algún dos seguintes requisitos: ter ata 40 anos, ser estudantes en activo en estudos relacionados coa fotografía, estar titulados nesta disciplina ou noutras áreas artísticas afíns.
As persoas interesadas deberán presentar unha carta de motivación explicando os motivos polos que solicitan a bolsa e como prevén aproveitala no futuro, ademais dun dossier co seu traballo fotográfico persoal.
As solicitudes serán avaliadas por un comité formado por representantes do Concello de Sober e de La Plantación, e os proxectos presentados permanecerán en todo momento baixo a propiedade intelectual das persoas autoras.
O prazo de presentación estará aberto desde o 11 de maio de 2026 ás 00:00 horas ata o 25 de maio de 2026 ás 23:59 horas (hora de España), sen posibilidade de prórroga. Unha vez enviada a solicitude, remitirase un correo de confirmación. A documentación deberá enviarse en formato PDF ao enderezo info@laplantacion.info, incluíndo carta de motivación, dossier, datos persoais e copia do DNI ou pasaporte.
A persoa seleccionada deberá dispoñer de disponibilidade para participar nunha formación presencial de seis días na Casa Grande de Rosende, en Sober, con manutención en réxime de pensión completa, sendo os desprazamentos por conta da persoa bolseira.
O fallo do comité realizarase o 11 de xullo, tras a lectura e valoración dos proxectos, e será comunicado por correo electrónico á persoa gañadora durante ese mesmo día.