Seis concellos de Lugo ofrecen teatro afeccionado esta fin de semana

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O ciclo impulsado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación levará representacións a Burela, Carballedo, Taboada, As Nogais, Monterroso e Pantón entre o venres 30 de outubro e o domingo 1 de novembro
Desequilibrados-Teatro-afeccionado
30 Oct 2026

O Ciclo de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrecerá novas representacións esta fin de semana en seis concellos da provincia. Burela, Carballedo, Taboada, As Nogais, Monterroso e Pantón acollerán as funcións programadas entre o venres 30 de outubro e o domingo 1 de novembro, cunha oferta que inclúe propostas para diferentes públicos.

A programación comezará o venres ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Burela, onde o Grupo Humorístico Trípode representará 'Desequilibrados', unha obra dirixida a todos os públicos.

O sábado 31 de outubro concentraranse catro funcións. Ás 18:00 horas, Argalleiras Teatro levará 'A Rateira' ao salón de actos do Concello de Carballedo, nunha representación recomendada para maiores de dez anos. Á mesma hora, o Grupo de Teatro de Antas de Ulla presentará 'Tres nun Banco' no local da ACV Santa Mariña de Cerdeda, en Taboada, cunha proposta para todos os públicos.

Pola tarde, ás 19:30 horas, o Centro Sociocultural das Nogais acollerá 'A Herencia de Xoana', a cargo do grupo A Caxiga, nunha función destinada ao público adulto. A xornada pecharase en Monterroso, ás 20:00 horas, coa representación de 'A Xoia do Faraón', do grupo Os Trocos, no Centro Sociocultural.

A programación rematará o domingo 1 de novembro en Pantón. O Grupo de Teatro Viraventos representará 'Hotel Esperanza' ás 18:00 horas na Casa da Cultura de O Castro de Ferreira.

O ciclo busca achegar as artes escénicas ás programacións culturais dos concellos e facilitar o acceso do público ao teatro a través das agrupacións afeccionadas da provincia.

0.138827085495