Sarabela Teatro leva ‘A metamorfose’ de Kafka ao Edificio Multiusos de Monforte de Lemos

RibeiraSacraXa
A adaptación da coñecida novela, dirixida por Carlos Álvarez Ossorio, chega este xoves dentro da programación cultural do último trimestre do ano
'A Metamorfose' Monforte
10 Nov 2026

O Edificio Multiusos de Monforte de Lemos acollerá este xoves, 12 de novembro, ás 20.15 horas, unha nova cita coas artes escénicas dentro da programación cultural prevista para o último tramo do ano. Nesta ocasión será a compañía Sarabela Teatro a que suba ao escenario con ‘A metamorfose’, unha adaptación da coñecida novela de Franz Kafka, considerada unha das obras máis relevantes da literatura universal.

A montaxe corre a cargo de Carlos Álvarez Ossorio, responsable tanto da adaptación coma da dirección. Baltasar Patiño asina a escenografía e o deseño de iluminación, mentres que o apartado sonoro recae en Renata Codda Fons e o vestiario en Ruth Díaz Pereira. A música é obra de Vadim Yuknevich e a coreografía corre a cargo de Nuria Sotelo. O elenco complétano Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja.

A historia xira en torno a Gregor Samsa, quen durante cinco anos foi o sostén económico da súa familia tras a morte do pai. Todo cambia o día en que Gregor esperta convertido nun ser incapaz de erguerse da cama, enfrontándose a unha contorna que de súpeto se lle presenta hostil. A pesar dos intentos de comunicación, a familia non consegue entender o que lle sucede.

As tres mulleres da casa —avoa, nai e irmá—, que dependen economicamente de Gregor e arrastran débedas dende a quebra provocada polo pai, reaccionan con desconcerto e tentan, sen éxito, manter certa normalidade. Co paso do tempo, a mirada da familia vai deshumanizando a Gregor, ata o punto de que este remata por asumir a súa nova condición. A obra formula así unha reflexión sobre a necesidade humana de sentirse valorado polo que se é e non unicamente polo que se achega ou se produce, ademais de interrogantes sobre o dereito a transformarse en calquera etapa da vida.

Esta función enmárcase na programación impulsada polo Concello de Monforte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC e dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo, que entre outubro e decembro reúne un total de 12 espectáculos con propostas tanto de compañías profesionais coma de grupos de teatro afeccionado.

As entradas para ‘A metamorfose’ teñen un prezo de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas. A representación está recomendada para público a partir de 12 anos.

A programación continuará o sábado 14 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, con ‘Vermello’, de Rebuldeira Teatro-Sarria, de entrada gratuíta. Seguirán, xa no Multiusos, ‘A cámara escura’, de Vórtice Escénico, o 26 de novembro, e ‘#Influencers’, de Negro López, o 1 de decembro, ambas as dúas con entrada de 5 euros (3 euros tarifa reducida). A Casa da Cultura acollerá tamén, o 28 de novembro, ‘A Revolución, 1789... ou por aí’, de Teatreiras Monforte, con entrada libre para todos os públicos. Pecharán o ciclo ‘Alicia Wants To’, de Bengala, o 3 de decembro no Multiusos, e ‘Hotel Esperanza’, do Grupo de Teatro Viraventos de Monforte, o 5 de decembro na Casa da Cultura, ambas as dúas de acceso gratuíto.

0.16040396690369