San Xoán de Río renovará a Praza Pedro Fernández grazas a un investimento de máis de 172.000 euros

RibeiraSacraXa
A Xunta asumirá o 70% do custo da actuación a través do Plan Hurbe, mentres que o Concello financiará a parte restante e encargarase da conservación do espazo
obras-praza-pedro-fernandez-san-xoan-de-rio
21 Jul 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de San Xoán de Río formalizaron o acordo que permitirá executar a remodelación da Praza Pedro Fernández, unha actuación orzada en algo máis de 172.000 euros coa que se pretende renovar este espazo público e mellorar a conexión entre distintos puntos do núcleo urbano.

O convenio foi asinado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua. No acto tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

A intervención desenvolverase ao abeiro do Plan Hurbe, o programa da Xunta destinado a colaborar cos concellos na execución de actuacións urbanísticas. O proxecto ten como finalidade revitalizar esta praza, favorecer a conexión física e visual entre diferentes espazos do municipio e ofrecer á veciñanza unha contorna máis accesible e de maior calidade.

Segundo explica a Administración autonómica, esta actuación dará continuidade ás obras de recuperación que o Concello vén impulsando nos últimos anos para mellorar viarios e elementos arquitectónicos, co obxectivo de revalorizar o patrimonio local e contribuír á dinamización do territorio.

A Praza Pedro Fernández sitúase nun dos puntos centrais de San Xoán de Río. Na súa contorna atópanse o bar da localidade, unha pensión con restaurante de recente construción, unha área deportiva, o centro de saúde e a Casa do Concello, converténdose nun dos principais espazos de encontro da veciñanza.

A Xunta financiará o 70 % do investimento, cunha achega superior aos 120.000 euros, e será a encargada de licitar e executar as obras. Pola súa banda, o Concello asumirá o 30 % restante, máis de 51.000 euros, ademais do mantemento e conservación do espazo unha vez rematada a actuación.

Esta colaboración forma parte das actuacións que a Xunta desenvolve con entidades locais para mellorar espazos públicos, avanzar na accesibilidade, eliminar barreiras arquitectónicas e impulsar a revitalización dos núcleos urbanos e rurais, promovendo así o seu desenvolvemento e equilibrio territorial.

0.12909483909607