Ribas de Sil remata o seu ciclo de conversas de verán cunha sesión sobre toponimia local

O programa municipal 'Conversas de Verán' pon mañá o ramo final á súa edición deste ano cunha charla divulgativa centrada na toponimia e microtoponimia do concello de Ribas de Sil. O encontro terá lugar na aula de pesca da praia fluvial de San Clodio, a partir das 19.30 horas.
A sesión correrá a cargo dun profesor xubilado natural do propio concello, Manuel Cao, nado en 1947, quen dende hai tempo investiga pola súa conta esta materia relacionada coa orixe e o significado dos nomes dos distintos lugares do municipio.
Este divulgador conta xa con certo percorrido na publicación de traballos sobre a historia e as tradicións da zona. No 2023 viu a luz o seu libro 'Historias do concello de Ribas de Sil', e recentemente saíu á venda unha nova obra da súa autoría, titulada 'XXXIII contos e o último gaiteiro', editada pola editorial monfortina Peruchela Edicións.
Con esta charla ponse fin ao ciclo de actividades estivais organizado polo Concello, que ao longo dos últimos meses ofreceu distintas propostas culturais e divulgativas dirixidas tanto aos veciños como aos visitantes do municipio.