Ribas de Sil pon en marcha a renovación da sinalización vertical en todo o municipio

O Concello de Ribas de Sil deu esta semana o pistoletazo de saída a un proxecto de renovación integral da sinalización vertical do municipio. Foi a propia brigada de obras municipal a encargada de iniciar estes traballos, que se irán estendendo de forma progresiva polas distintas parroquias que conforman o concello.
A actuación contempla a colocación dun total de 60 sinais novos, de diferentes tamaños e características, que substituirán aos que na actualidade presentan un maior deterioro ou desactualización. Para o subministro deste novo material, o Concello conta cun financiamento de 7.753,81 euros procedente da Deputación de Lugo.
En canto ao reparto de responsabilidades, será o propio Concello o que se encargue das tarefas e gastos derivados tanto da retirada dos sinais antigos como da instalación dos novos, complementando así o apoio económico recibido para a adquisición do material.
Os primeiros traballos estanse a desenvolver na parroquia de Soutordei, desde onde a renovación se irá trasladando de xeito escalonado ao resto de núcleos e parroquias do municipio ata completar a actuación en todo o termo municipal.
Con esta iniciativa, o consistorio busca mellorar e modernizar a sinalización das estradas e núcleos de poboación do concello, reforzando así a seguridade viaria e a orientación tanto de veciños como de visitantes.