Ribas de Sil obtén unha subvención do Plan Corresponsables para ampliar os servizos de conciliación familiar

O Concello de Ribas de Sil vén de obter unha subvención ao abeiro do Plan Corresponsables 2026 da Consellería de Política Social e Igualdade, un programa orientado a favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias con menores de ata 16 anos e a promover a igualdade e a corresponsabilidade nos coidados. A concesión destas axudas foi publicada no Diario Oficial de Galicia.
A través desta achega, xestionada pola Concellaría de Igualdade, o Concello dará continuidade e reforzará distintos servizos xa implantados no municipio co obxectivo de facilitar que as familias poidan compatibilizar a súa vida laboral e familiar, tanto durante o curso escolar como nos períodos non lectivos.
Entre as actuacións previstas figura o Servizo de Madrugadores, destinado ao alumnado do CEIP de San Clodio. O programa ofrecerá atención antes do inicio das clases, almorzos saudables, actividades educativas e de lecer e acompañamento por parte de persoal cualificado. Segundo explica o Concello, este recurso busca facilitar a conciliación das familias e promover valores como a autonomía, a igualdade e a corresponsabilidade.
A programación inclúe tamén os Talleres de Verán, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, cunha oferta de actividades deportivas, educativas, culturais e de lecer durante as vacacións escolares. O obxectivo é proporcionar un espazo seguro e enriquecedor para a infancia mentres as familias desenvolven a súa actividade laboral. Nestes días, os participantes están a tomar parte en distintas actividades de carácter ambiental.
Ademais dos servizos de atención á infancia, o proxecto incorpora un bloque de formación e sensibilización sobre corresponsabilidade. Entre as iniciativas previstas figuran obradoiros dirixidos a homes sobre o reparto equitativo das tarefas do fogar e as novas masculinidades igualitarias, así como actividades lúdicas para a infancia e accións de sensibilización para o conxunto da veciñanza, entre elas a elaboración e difusión dun vídeo divulgativo.
O Concello de Ribas de Sil considera que esta subvención permitirá seguir impulsando políticas públicas orientadas a favorecer a igualdade de oportunidades, o benestar das familias e a fixación de poboación no rural mediante a posta á disposición da veciñanza de recursos que contribúan a mellorar a súa calidade de vida.
Desde o goberno local tamén agradeceron o apoio da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables, unha iniciativa que, segundo destacan, contribúe a avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria na que os coidados sexan unha responsabilidade compartida.